Parlamento

Cuarto intento: o PP acelera o traspaso da AP-9 entre críticas da oposición

A lei debaterase a vindeira semana no Parlamento da Galiza, no derradeiro pleno do ano.
A AP-9, que transita de Ferrol a Tui (O Baixo Miño), ao seu paso por Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera A AP-9, que transita de Ferrol a Tui, ao seu paso por Vigo. (Foto: Europa Press)

A nova lei para o traspaso da titularidade da AP-9 á Xunta da Galiza será debatida para a súa aprobación definitiva no pleno da vindeira semana —o último antes do fin de período de sesións polas vacacións de Nadal— logo de superar a tramitación en comisión. No proceso incorporouse unha emenda do BNG que suma ao texto do PP unha mención a que sexa o Estado español quen asuma as cargas económicas se se produce a nulidade das prórrogas pola ampliación da concesión de explotación a Audasa.

A Comisión 3ª que aborda os asuntos en materia de infraestruturas no Parlamento galego deu esta terza feira luz verde ao ditame sobre a lei orgánica promovida polo Grupo Popular, a quen tanto BNG como PSdeG criticaron as "présas" coas que, din, tramitou a nova proposta lexislativa para lograr a transferencia da Autoestrada do Atlántico.

Así, o cuarto intento da Cámara galega para tratar de conseguir o traspaso da AP-9 —logo de que o PP votase a favor no Parlamento e en contra no Congreso en dúas ocasións diferentes— encara o final do seu periplo no Parlamento galego co seu debate no último pleno de 2023. De saír adiante, algo que previsibelmente coa maioría absoluta do PP, poría rumbo ao Congreso dos Deputados e das Deputadas.

Nesta ocasión, e a diferenza dos tres intentos anteriores, a unanimidade non está garantida pola postura do PSdeG, que optou por "reservar" o seu voto coa abstención no debate do ditame en comisión. Si tomou postura o BNG para apoiar o texto do PP despois de que estes aceptaran incluír unha emenda do grupo da formación nacionalista.

En concreto, incorpórase ao texto orixinal un punto para que sexa a Administración española a que asuma as "obras económicas e financeiras" que poidan derivarse dunha hipotética nulidade das prórrogas da concesión á empresa Audasa até 2048, un asunto que está en estudo pola xustiza europea por unha posíbel infracción da normativa comunitaria en materia de competencia.

"AP-9 washing"

Durante o debate decorrido esta terza feira na Comisión 3ª do Parlamento galego, o deputado do BNG Luís Bará e a deputada do PSdeG Patricia Otero criticaron o proceder do PP con este novo intento por lograr o traspaso da Autoestrada do Atlántico, na que ven "présas" polo final da lexislatura na Galiza, a cal expira no primeiro semestre do próximo ano.

Segundo Bará, os populares levan a cabo "un exemplo claro" do que definiu como "AP-9 washing" para "lavar a cara de todas as súas vergoñas" pola súa "responsabilidade" no fracaso dos intentos por lograr o traspaso na última década. "O PP que hoxe quere facerse pasar por defensor do autogoberno e da AP-9 é o máximo responsábel da historia de que esta transferencia non estea feita desde hai anos", aseverou Bará, que tamén responsabilizou o PSOE de que a xestión da autoestrada non estea xa en mans da Xunta.

Para Otero, ao PP "éntranlle as présas ao final da lexislatura" como, dixo, ocorreu coa Lei do litoral e coa da Cadea alimentaria, que tamén será debatida no próximo pleno.

Pola súa parte, o deputado do PP José Manuel Balseiro instou o PSdeG a aclarar se o Goberno español "bloqueará" a transferencia como, incidiu, ocorreu durante a última lexislatura. O popular tamén criticou aos grupos da oposición que "non incluíran" no pacto de investidura de Sánchez o seu compromiso para o traspaso.

Comentarios