A negativa do Estado a transferir a titularidade da AP-9 illa o PSdeG

PP e BNG denuncian unha "discriminación" á Galiza
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)

A negativa do Goberno español a AP-9 á Galiza, tal e como manifestou esta semana o secretario de Estado de Transportes, David Lucas; irrompeu de cheo na axenda política galega. PP e BNG denunciaron unha "discriminación" para a Galiza do Goberno español en funcións de se materializar esa negativa, mentres que o PSdeG tentaba calmar as augas cun Valentín González Formoso, secretario xeral, afirmando que "o que quere a xente é que sexa o máis barata posíbel", e non quen sexa titular da infraestrutura.

As manifestacións do representante estatal chegan menos dun mes despois de que o Parlamento galego aprobase por cuarta vez desde 2016 e por unanimidade pedir ao Congreso a transferencia da AP-9. 

Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza, afirmou que Pedro Sánchez "non quere" que os galegos poidan xestionar a AP-9 e "prefire" que se faga "desde un despacho de Madrid". O Partido Popular, cando Gobernaba no Estado e tiña maioría na mesa da Cámara baixa española, vetou até en tres ocasións que se debatese a transferencia desta infraestrutura. 

Pola súa parte, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, ve unha "falta de respecto" no rexeitamento ao traspaso da AP-9: "Non imos aceptar discriminacións", asegurou. Pontón anunciou que este tema estará na mesa de negociación do seu partido co PSOE. "Se cadra o que lle sobra ao Goberno estatal é un pouco de soberbia", dixo.

Na Galiza están dúas das tres autoestradas do Estado español co máximo de tempo autorizado para seren explotadas en concesión por unha empresa privada: a AP-9 —que une Ferrol e Tui— e a AP-53 —De Compostela e Dozón— e ambas as dúas polo mesmo grupo, a multinacional Itínere.

Ningún outro territorio en todo o Estado soporta tantos quilómetros de pago na súa rede viaria como a Galiza (331 km). A data de reversión da AP-9 é en 2048, alargamento froito das prórrogas concedidas no seu día por Gobernos estatais do PSOE e do PP. 

Comentarios