O Goberno español descarta transferir a AP-9 á Galiza, segundo a Xunta

Formoso resta importancia á titularidade da vía: "O que quere a xente é que sexa barata"
Xuntanza entre o Executivo español e o galego, a pasada cuarta feira en Madrid. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Xuntanza entre o Executivo español e o galego, a pasada cuarta feira en Madrid. (Foto: Xunta da Galiza)

O Goberno do Estado español  confirmou, durante o encontro do secretario de Estado de Transportes, David Lucas, e a conselleira de Infraestruturas e Mobiliade, Ethel Vázquez, decorrido na cuarta feira, a súa "negativa taxativa" a transferir a autoestrada AP-9 á Galiza por ser unha infraestrutura que considera "intransferíbel por ser unha vía fundamental na rede de estradas do Estado". Así o confirmaron fontes da Consellaría a Nós Diario, preguntadas precisamente por esta cuestión.

Na xuntanza da cuarta feira os representantes da Xunta da Galiza trasladaron a "demanda" da transferencia da AP-9, "sabendo que é unha reclamación unánime" das galegas e dos galegos. É, tamén, unha petición aprobada recentemente no Parlamento da Galiza, co visto e prace de PP, BNG e PSdeG. Por este feito, a postura do Ministerio de Transportes "chamou moito a atención" de Vázquez, porque na Galiza "hai un acordo unánime arredor desta reivindicación, tamén do Partido dos Socialistas da Galiza"

A conselleira afirmou esta quinta feira, 5 de outubro, que a Xunta está "preparada" para esta transferencia porque conta con "experiencia e capacidade", ao tempo que subliñou a importancia desta vía que vertebra 60% da poboación

O presidente galego, Alfonso Rueda, tamén mencionou a transferencia da AP-9 na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. A este respecto asegurou que os atrasos do Estado "persisten" mais indicou que seguirán a premer para que a AP-9 pase a ser titularidade da Xunta. "Fai falta moita insistencia nesta cuestión e é unha reclamación que vén hai tempo", manifestou o titular do Goberno galego.

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, restou importancia á titularidade da vía, porque ao seu xuízo, o relevante é que sexa económico. Formoso afirmou esta quinta feira que aos galegos e ás galegas "dálles igual" quen sea o titular da autoestrada. "O que quere a xente é que sexa o máis barata posíbel", dixo. 

Lealdade institucional

Ante as declaracións de Ethel Vázquez, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco demandou esta quinta feira ao Executivo galego "lealdade", pois, "ademais de pedir, estaría ben que colaboraran cun Goberno que aposta pola Galiza, polas súas infraestruturas, cun número de obras nunca visto, moitas delas aparcadas e esquecidas nun caixón até a chegada de Pedro Sánchez" á Presidencia española. 

Comentarios