Ana Miranda pregunta en Bruxelas se a prórroga da AP-9 vulnera a normativa europea

“É un escándalo que os galegos e galegas teñamos que estar pagando 25 anos máis pola AP-9 por culpa da prórroga que fixo no 2000 un goberno do PP, afondando na discriminación de Galiza”, denunciou a eurodeputada do Bloque.

Ana Miranda durante unha intervención no Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda durante unha intervención no Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)

A través dunha pregunta parlamentar, a  eurodeputada do BNG, Ana Miranda, traslada á Comisión Europea a posíbel vulneración da normativa europea na ampliación da AP-9, lembrando que en agosto de 2023 entrou en vigor a última prórroga da concesión desta autopista que estará en vigor até 2048

“É un escándalo que os galegos e galegas teñamos que estar pagando 25 anos máis pola AP-9 por culpa da prórroga que fixo no 2000 un goberno do PP, afondando na discriminación de Galiza”, denunciou a eurodeputada do Bloque.

Nun documento enviado á Comisión Europea, Miranda pregunta en que situación se encontra o procedemento de infracción iniciado no 2021 referido a ese período de explotación extra, sen ter convocado unha licitación pública.

En concreto, no documento Miranda pregunta á Comisión se considera que esa prórroga extra vulnera a lexislación europea sobre competencia e se pensa que esa concesión debe finalizar xa.

“Esta prórroga é unha decisión inadmisíbel que só beneficia a empresa concesionaria”, manifesta ao respecto, ao tempo que se pregunta “que intereses escuros ten o Partido Popular para tomar esta decisión que prexudica a todos os galegos e galegas”.

Traballo continuo

A eurodeputada nacionalista salientou o “traballo continuo desenvolvido polo BNG coa presentación de diversas iniciativas tanto no Parlamento Galego como nas Cortes para conseguir o dobre obxectivo de conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”. Neste sentido apunta que outras autoestradas no Estado coa mesma antigüidade que a AP-9 son xa gratuítas.

Ademais Miranda tamén quere destacar a constante preocupación de ‘En Colectivo’, unha asociación que tamén leva anos traballando tanto coa presentación en Bruxelas da demanda contra a prórroga e pedindo a investigación sobre a súa legalidade como pola reclamación das peaxes cobradas desde 2013.

Comentarios