Análise

O PP apunta toda a artillaría contra o BNG

A insistencia e o ton das críticas do Partido Popular ao BNG non é casual. Os populares fían os seus discursos e focalizan os seus adversarios atendendo aos datos estatísticos procedentes das diversas sondaxes.
Bancada do Partido Popular no Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Bancada do Partido Popular no Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

O Partido Popular está nervioso e notáselle. Abonda con reparar nas intervencións públicas dos seus dirixentes para caer na conta de que algo non lles funciona aos populares. A actitude do presidente galego, Alfonso Rueda, na sesión de control parlamentario da cuarta feira é só un exemplo.

A insistencia e o ton das críticas do Partido Popular ao BNG non é casual. Os populares fían os seus discursos e focalizan os seus adversarios atendendo aos datos estatísticos procedentes das diversas sondaxes. Neste sentido, nacionalistas e socialistas asumen que non hai mellor termómetro sobre a intención de voto na Galiza, que a orde de prioridades definidas polos conservadores no seu relato discursivo. A este respecto, a tendencia das enquisas dos últimos meses explica a fixación dos populares contra os nacionalistas, que nas últimas semanas algúns inquéritos colocan á fronte da Xunta para 2024.

Ana Pontón é o obxectivo claro dos ataques dos populares. Sen ir máis lonxe, a cuarta feira, Rueda etiquetouna en catro ocasións de “covarde”, acusouna dun discurso “maniqueo”, “absurdo” e “fora da realidade e de "supremacismo radical" a conta da nova Lei da violencia xéreno. Porén, a intervención do mandatario galego non foi unha excepción, nin unha saída de ton do sector máis radical do partido, senón que contou co apoio entusiasta daquelas dirixentes  máis centristas, como Pedro Puy.

O BNG é consciente que os ataques á formación e a Ana Pontón vanse endurecer a medida que avance a lexislatura. Neste escenario, os populares galegos compran o relato do sector máis ultra do partido, introducindo variábeis de orde ideolóxico para deslixitimar a opción nacionalista. Asemade, os conservadores aspiran a aproveitar as contradicións dos nacionalistas na xestión municipal para volvelos contra Ana Pontón, co obxectivo  de presentar o BNG como unha forza incapaz para gobernar.

Os socialistas amósanse preocupados por non atopar un espazo nesta dialéctica polarizada  entre nacionalistas e populares. Malia que a intención da dirección do PSdeG era facer unha oposición morna que lle permitise achegarse ao voto centrista, o ninguneo  dos populares ao seu secretario xeral, Valentín González Formoso, déixaos fóra de xogo. Neste caso, o PP ten claro non entrar en confronto co líder socialista, a quen as enquisas non lle dan ningunha alegría, situándoo nunha intención de voto semellante a do seu antecesor, Gonzalo Caballero.

A dirección socialista agarda que os resultados das municipais sirvan para relanzar a figura de Formoso. Neste sentido, dan por feito que a formación manterá as súas actuais cotas de poder a nivel local e, mesmo, agardan dar a “badalada” en novas localidades. Porén, no esquecen que os éxitos electorais conseguidos polo  PSdeG nas eleccións locais de 2019 non serviron para asentar o liderado de Gonzalo Caballero. 

O PP está nervioso porque as enquisas non lle dan. O cambio no liderado da formación na Galiza após a marcha de Núñez Feixoo está a provocar unha caída sostida na intención de voto, acelerada nos últimos meses pola progresiva perda de tirón electoral no Estado do propio Feixoo. Aínda así, os populares vense no Goberno estatal a partir de 2023 co apoio de Vox, algo que preocupa no PP da Galiza, temerosos de que lles pase factura no país.

A maior preocupación dos populares galegos é a falla de tirón político de Rueda. Nesta dirección, son moitos dentro dos órganos executivos do partido e, sobre todo, nos aparatos territoriais, que consideran que o mandatario galego non funciona, cuestionándose, mesmamente, o acertado da súa designación.

Comentarios