O BNG concentrarase o 18 de decembro en Compostela para protestar contra a crise de prezos na Galiza

A formación nacionalista inicia a campaña Contra a crise de prezos hai alternativas.
A responsábel de organización do BNG, Lucía López. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A responsábel de organización do BNG, Lucía López. (Foto: Nós Diario)

A responsábel de organización do BNG, Lucía López, avanzou esta segunda feira a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro 18 de decembro en Santiago de Compostela, co obxectivo  de protestar contra a crise de prezos. López participou nunha rolda de prensa con motivo da presentación da nova campaña que pon en marcha a formación nacionalista baixo o lema Contra a crise de prezos hai alternativas.

A dirixente sinalou o BNG busca chegar a "cada recuncho" da Galiza para presentar as súas propostas. "Impulsar un cambio estrutural na nosa economía, pero tamén actuar con urxencia para que unha vez máis non paguen esta crise quen menos ten", indicou.

A campaña ten a súa orixe na “desorbitada” suba de prezos derivada da inflación e que provoca un "aumento da desigualdade social sen precedentes", así como un "empobrecemento xeneralizado do pobo galego".

Vivenda, electricidade, combustíbeis ou produtos básicos do cesto da compra "continúan aumentando o seu prezo", o que supón un "grave problema" para as persoas e para os sectores profesionais. "Cada vez máis empobrecidos e cun goteo continuo de empresas que están a paralizar a súa actividade con todo o que iso supón", incidiu López.

Para levar a cabo esta campaña, que empeza esta cuarta feira en Ourense, o BNG repartirá folletos informativos na rúa, manterá encontros cos colectivos afectados e realizará "unha intensa axenda" de actos públicos e actividades en todas as comarcas do país.

“Situación límite”

A responsábel de organización do BNG puxo o foco en dous sectores galegos en "situación límite": agrogandeiro e o pesqueiro, "aínda máis afectado polo veto da Unión Europea á pesca de fondo". Neste sentido, criticou que a crise de prezos "demostra o prexudicial que é carecer de soberanía e de capacidade para defenderse da crise".

López tamén denunciou que hai “quen gaña e moito” coa crise de prezos. Puxo o foco nas empresas do IBEX 35 que en 2021, en palabras de López, obtiveron "uns beneficios récord" de 58.000 millóns de euros. "En tan só os primeiros meses do 2022, as grandes eléctricas gañaron 3.548 millóns de euros", criticou.

Propostas do BNG

Segundo detallou Lucía López, o BNG propón o incremento da presión fiscal sobre as grandes empresas e patrimonios e perseguir a fraude; intervención pública do sector eléctrico para controlar os prezos e recortar os beneficios das eléctricas e impulsar unha tarifa eléctrica galega.

A dirixente nacionalista tamén puxo enriba da mesa a necesidade de protexer o tecido empresarial e produtivo galego a través de axudas ás Pemes, autónomos e cooperativas; promover a paz e o final da guerra de Ucraína "pondo fin á escalada militar" e "frear o gasto" de armamento nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE).

Así mesmo, demandou o aumento das contías de prestacións sociais como as axudas de violencia machista, a Risga ou o Ingreso Mínimo Vital, así como incrementar as pensións e os salarios máis baixos até 60% do soldo medio actual.

Comentarios