O BNG vai "a por todas" nas eleccións municipais

O BNG xuntou na maña de hoxe o seu Consello Nacional para seguir perfilando a súa folla de ruta cara as municipais. A voceira nacional da formación, Ana Pontón, amosouse segura do seu medre no próximo proceso electoral.

Consello Nacional
photo_camera Ana Pontón, con outros integrantes do Consello Nacional do BNG. (Foto: Nós Diario).

Os comicios locais marcan a axenda política galega. Os nacionalistas reuniron neste sábado o seu Consello Nacional para continuar co traballo de preparación das eleccións municipais, convencidos da súas posibilidades de medre nas mesmas.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, referiuse a este aspecto na súa intervención diante do máximo órgano de dirección da formación. Neste sentido, afirmou que o “BNG vai a por todas” e adiantou “un importante incremento de votos”.

As eleccións locais

Pontón asegurou que “demostramos que temos unha alternativa capaz de mellorar a vida das persoas, unha alternativa de calidade que ofrecerlle á cidadanía e, por iso, saímos a por todas nas próximas eleccións municipais, sen pórmonos límites, para multiplicar o número de concelleiros e concelleiras, de alcaldes e alcaldesas, para conseguir máis BNG nos concellos”.

A dirixente nacionalista apuntou que “o noso modelo nos concellos é o da eficacia na xestión, transparente e participativo, igualitario e feminista, un modelo sustentábel e capaz de xerar dinamismo económico. Así é o modelo municipal do BNG, concellos que defenden os servizos públicos con uñas e dentes, orgullosos dos nosos sinais de identidade e capaz de transformar en positivo”.

A líder do BNG garantiu a cidadanía “unha xestión na que cada euro se usa con eficacia a favor da xente”. Neste sentido, marcou como principios reitores da acción municipal dos nacionalistas “a democracia, transparencia, participación cidadá, defensa dos servizos públicos e do benestar social e a aposta polo tecido produtivo local e do emprego”.

A crise de prezos

Os nacionalistas analizaron, tamén, no encontro de hoxe a situación de crise económico expresada na actual alza de prezos. A este respecto, Pontón denunciou a “á durísima situación que vive a maioría social” malia que  Galiza ten salarios e pensións que están á cola.

Pontón criticou a falta de alternativas “eficaces e valentes” por parte das forzas progresistas e de esquerda, “incapaces de frear o deterioro das condicións de vida da maioría social”,  “un deterioro que impacta de cheo sobre os galegos e as galegas e que está agravado polo centralismo”.

A voceira do BNG exemplificou esta situación “no sector da enerxía, como o centralismo impide que unha Galiza rica en electricidade poida usar esa riqueza para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas. Ao contrario, vemos a alianza de PP-PSOE para acelerar o boom eólico depredador”.

A dirixente nacionalista referiuse, tamén, “a unha Unión Europea actuando como monicreque dos Estados Unidos, empeñada na vía militar como única saída a guerra en Ucraína, adoptando sancións que a quen máis prexudican é aos propios Estados europeos e as súas cidadanías”. “Os grandes beneficiarios desta estratexia de entreguismo son as transnacionais da alimentación e da enerxía, que se forran especulando con bens básicos para a sociedade”, concluíu Pontón.

Comentarios