O Partido Galeguista, vivo após 90 anos

Ana Pontón afirma na homenaxe que o BNG é “o Partido Galeguista actual”.
Castelao, nun mitin en Lira (Carnota), en 1936. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Castelao, nun mitin en Lira (Carnota), en 1936. (Foto: Nós Diario)

Os días 5 e 6 de decembro de 1931, os persoeiros máis importantes do nacionalismo galego na época reuníronse en Pontevedra para configuraren a primeira formación política propia do galeguismo organizado. Ante unhas bancadas practicamente cheas e engalanadas cos caraveis que a organización entregaba as persoas asistentes, o BNG conmemorou no Teatro Principal da cidade do Lérez o 90 aniversario da fundación do Partido Galeguista.

A primeira en tomar a palabra foi a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, que sinalou que, 90 anos despois de que o Partido Galeguista nacese, a mocidade galega segue a pular polas mesmas reivindicacións que no seu tempo exixía a Federación de Mocedades Galeguistas. Gómez salientou que “90 anos despois seguimos a defender que debemos saír á rúa a loitar” polos dereitos das galegas, entre os que enumerou “os servizos públicos, a sanidade, o ensino galego de calidade, o traballo digno para poder vivir na terra, a igualdade real entre homes e mulleres e a fin da violencia machista e LGBTfóbica”.

A seguinte intervención correspondeulle ao rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O alcalde nacionalista referiuse aos esforzos dos integrantes do Partido Galeguista para mellorar a sociedade galega que lles tocou vivir. Asegurou que a actual Pontevedra “é exemplo vivo de que as ideas de Alexandre Bóveda, Castelao... funcionan, que fan posíbel mellorar a vida das galegas”. 

Lores manifestou que a militancia do BNG “foi quen de manter un legado vangardista, creado por mulleres e homes que no seu momento viviron nun mundo distinto, co obxectivo de facer da Galiza un lugar mellor para vivir e traballar”. Tamén aproveitou para homenaxear a Castelao e unha das súas célebres citas, ao afirmar que “o seu legado era tan fondo que non repararon que soterraron semente”.

Finalmente, manifestou que “nunca permitiremos que as nosas cidades, vilas e aldeas volvan quedar atadas no silencio”. Acto seguido, proxectouse un vídeo con fotografías relacionadas co Partido Galeguista, como algunhas asembleas e encontros políticos nos que participaban Castelao, Otero Pedraio e Bóveda, entre outros.

O PG “actual”

Por último, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que “o BNG é o Partido Galeguista do século XXI, vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe”. Pontón reivindicou o traballo “esquecido pola sociedade patriarcal” das mulleres que formaron parte do Partido Galeguista. Nomeou Amparo López, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Antonia Pardo, Amalia Álvarez e Ernestina Otero, entre outras. “Porque elas foron, somos. E porque somos, o futuro da Galiza será feminista, ou non será”, proclamou a líder nacionalista. 

A dirixente do BNG tamén puxo en valor o proxecto transformador e modernizador do Partido Galeguista, consumado co Estatuto de 1936, que entre os seus preceptos incluía o recoñecemento nacional da Galiza ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya. Pontón recalcou que “o nacionalismo é a esperanza do pobo galego para termos futuro”, e asegurou que o Bloque “é un proxecto gañador e vaille disputar a hexemonía ao PP, como xa se fixo en Pontevedra”.

O acto de homenaxe rematou coa interpretación do poema musicado de Celso Emilio Ferrreiro “Agardarei”, coa canción “Fisterra”, e coa interpretación a do Himno nacional.

Comentarios