Pontón rexistra máis de 1.700 avais para a súa candidatura coa fin de dar á Galiza "o mellor Goberno da democracia"

A portavoz nacional asegurou que é "unha honra" para ela "ter o apoio" de todo o BNG para encarar o "gran reto" que se abre coas eleccións de 2024.

EuropaPress_5573054_portavoz_nacional_bng_ana_ponton_llega_sede_bng_avales_candidatura
photo_camera Ana Pontón na entrega dos avais (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rexistrou esta segunda feira na sede do BNG un total de 1.745 avais, case nove veces máis dos esixidos, co obxectivo de encabezar o proxecto da formación nacionalista para as vindieras eleccións galegas e converterse na “primeira presidenta da Galiza" para dar á Galiza "o mellor Goberno da democracia".

En declaracións aos medios tras presentar as sinaturas, Pontón agradeceu o "agarimo" recibido ao longo dos últimos días por toda a organización para encarar o reto de liderar á organización na próxima cita electoral que terá que ter lugar en 2024.

"É un momento moi emocionante e tamén un momento importante", dixo Pontón, que asegurou que é "unha honra" para ela "ter o apoio" de todo o BNG para encarar o "gran reto" que se abre coas eleccións galegas.

"Preséntome para ser a próxima presidenta da Xunta coa convicción de que este país necesita un cambio e que o BNG é a forza política que pode darlle o futuro que necesita", sostivo para destacar que ten "máis ilusión que nunca".

"Síntome preparada e estou convencida de que podemos facer historia para que este país teña por primeira vez unha presidenta e podamos darlle o mellor goberno da democracia", afirmou.

Pontón considerou que na sociedade galega "hai un cambio imparábel" que liderará o BNG. "E evidentemente necesitamos abrir as portas e xanelas da Xunta e este é o momento de facelo", incidiu.

A líder da oposición asegurou que quere ser presidenta para poder construír unha Galiza en grande. "Porque este país é grande pola súa xente polos seus recursos, polo seu potencial. Preséntome para ser a presidenta que lle devolva a esperanza aos galegos e galegas", incidiu.

Segundo explicou Pontón, tras a presentación dos avais, agora a candidatura será debatida pola militancia nas asembleas comarcais.

Tras as votacións nestes órganos, o proceso terminará o próximo día 25 de novembro coa ratificación por parte do Consello Nacional das votacións rexistradas nas asembleas.

Comentarios