Pontón ve o PP "instalado na propaganda" mentres deixa unha Galiza "que non para de retroceder"

Preguntada pola investidura de Pedro Sánchez, a líder do BNG volve advertir que o seu voto non será gratis e percibe certa "relaxación" no PSOE: "Quizais non teñen demasiado interese en negociar e empezan a barallar a posibilidade dunhas novas eleccións".
Ana Pontón, esta segunda feira, atendendo os medios de comunicación. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, esta segunda feira, atendendo os medios de comunicación. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ironizou esta segunda feira coa "nova forma de propaganda" do PP da Galiza, en referencia ao autobús que percorrerá os municipios galegos para "tomarlle unha" co presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alfonso Rueda. "O que é evidente é que o PP está de precampaña, pero non gobernando, e está instalado na propaganda. Non se se as cañas son nova forma de propaganda, pero ante os grandes retos do país, non ten ningunha alternativa; ao contrario, estamos a ver que co PP Galiza non para de retroceder", salientou a líder nacionalista.

En declaracións aos medios, Pontón incidiu en que Galiza "non para de retroceder en sanidade, en servizos sociais e até en xente", porque "cada vez somos menos". "E é un síntoma da decadencia á que está a conducirnos o Goberno do PP, esgotado e que quere tapar con propaganda o desastre da súa xestión, que nos deixa unha Galiza peor", sentenciou.

"Relaxación" no PSOE de Sánchez

De forma paralela, a portavoz nacional do Bloque observou certa "relaxación" no PSOE a respecto das negociacións para unha eventual investidura de Pedro Sánchez e avisou de que ou hai "acordos" concretos coa Galiza, ou a súa formación non apoiará o candidato socialista. Tamén lembrou que o deputado Néstor Rego non participa na rolda de consultas do rei Felipe VI porque entende que "non é ese o papel que lle corresponde a un sistema democrático". "A vía parlamentaria pode ter outro percorrido", subliñou.

En todo caso, expresou que "o máis relevante é que vai pasar na conformación do próximo goberno", debido a que ten a "sensación" de que "quizais o PSOE non ten demasiado interese en negociar e están a empezar a barallar a posibilidade dunhas novas eleccións". "Creo que cando a cidadanía vota, tamén hai que ter capacidade política para xestionar o resultado", apuntou Pontón, e subliñou que existe un "contexto que permitiría chegase a ese acordo" e, neste sentido, ao BNG o que lle parece "importante é que, dentro dese acordo, estean os intereses dos galegos e esa axenda galega".

Ana Pontón incidiu en que "nos estamos xogando o futuro deste país" e manifestou a "máxima disposición ao diálogo", pero "os votos hai que gañalos", de forma que condicionou o voto do BNG para mellorar os recursos para Galiza, máis investimento en ciencia ou en vías de ferrocarril. Así, remarcou que esperan que "realmente exista esa vontade de diálogo" e indicou "hai algúns síntomas que preocupan", aínda que houbo "algún contacto discreto antes da investidura de Feixpo", no que se trasladaron as propostas do BNG.

"Pero estamos a ver que o PSOE quere acelerar os tempos da investidura e chegar ao debate sen acordos, non sei que estratexia ten, pero a intensidade dos contactos non é a que require unha investidura", advertiu, ao tempo que observou que se como se apunta por algún medio quere que se faga a 17 "falta moi pouco tempo". Con todo, Pontón conveu que "poden ser días o suficientemente amplos e intensos" para poder chegar a acordos, mais sinalou que ven "unha certa relaxación do PSOE", polo que se preguntou se a súa estratexia é "tentar xustificar unha convocatoria electoral e non aceptar o veredicto das urnas e da cidadanía".

Pontón afirmou que houbo contactos, pero ningunha reunión oficial, aínda que si que recoñeceu a existencia dunha "vía de diálogo". "Pero entendemos que ten que ser máis intensa", avisou Pontón. "Se cre que presionando vai conseguir os votos sen acordo, xa lle digo que non o vai a conseguir. Ou hai compromisos ou o PSOE non vai ter o voto do BNG", advertiu.

Comentarios