O BNG abre o seu proceso de elección de candidaturas á Presidencia da Xunta da Galiza

A dirección do BNG abre este proceso dando cumprimento aos estatutos aprobados na súa asemblea nacional de cara á “cita coas urnas máis importantes dos últimos 42 anos, ás eleccións nas cales o BNG se presenta como a alternativa real ao PP para liderar o goberno do cambio galego”.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, este sábado en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, este sábado en Compostela (Foto: Nós Diario).

A Executiva nacional do BNG aprobou na súa reunión semanal abrir a elección de candidatura á Presidencia da Xunta da Galiza, tal e como marcan os estatutos da formación, dando luz verde a un proceso que arrancará o sábado 28 de outubro coa aprobación do regulamento por parte do Consello Nacional.

A partir desa reunión extraordinaria do máximo órgano de dirección entre asembleas, ábrese un proceso de recollida de avais que permitirá participar e presentarse a calquera militante con plenos dereitos de alta, sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deben ser presentados no rexistro da sede nacional en Santiago de Compostela entre o 31 de outubro e  o 13 de novembro como data límite.

Votación da militancia

Finalizado ese trámite, será “a militancia a que tome a palabra e se pronuncie a través de debates e votacións nas 26 asembleas comarcais por todo o país, incluída a da emigración, votación que se levará a cabo con independencia do número de candidaturas que se presenten”.

A dirección do BNG abre este proceso dando cumprimento aos estatutos aprobados na súa asemblea nacional de cara á “cita coas urnas máis importantes dos últimos 42 anos, ás eleccións nas cales o BNG se presenta como a alternativa real ao PP para liderar o goberno do cambio galego”.

“Unha alternativa que pasa por disputarlle ao Partido Popular a maioría absoluta concentrando na fronte nacionalista o apoio dos galegos e das galegas que queren un cambio real no País para abrir un tempo novo”, indican desde o BNG.

A formación nacionalista quere, coa apertura deste proceso, ter a elección de candidatura á Presidencia da Xunta concluída ante un eventual adianto electoral, tras levar a cabo a preceptiva consulta, debate e votación por parte da militancia.

Comentarios