Pontón propón contratos homologados que estabelezan prezos mínimos para evitar perdas nas granxas

O BNG tamén avoga por reducir a carga burocrática.
Ana Pontón, esta cuarta feira, en Rábade (comarca de Lugo). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, esta cuarta feira, en Rábade (comarca de Lugo). (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta cuarta feira en Rábade (comarca de Lugo) propostas para atender as reclamacións do sector agrogandeiro que se está a mobilizar estes días e que focalizou en dúas cuestións fundamentais: a consecución duns prezos xustos para as produtoras e produtores e a redución da carga burocrática que soporta o sector. 

Para dar resposta á primeira cuestión, o BNG propón contratos homologados que estabelezan prezos mínimos para impedir dese modo que, en ningún caso, as produtoras e os produtores se vexan na obriga de vender a perdas. "Sabemos que hai unha lei de cadea alimentaria que di que non se pode vender a perdas, pero a Xunta da Galiza non deu ningún paso significativo para garantir que esta medida se faga efectiva", denunciou. 

Por iso, defendeu o relanzamento do Observatorio Galego de Prezos como instrumento para estabelecer e garantir eses prezos mínimos en base ao estudo obxectivo de cales son os custos de produción que non se poden rebaixar. Medidas, en definitiva, que "se poden levar adiante" desde o Executivo galego e para as que "o único que se necesita é vontade política". 

'Trabas' burocráticas

Pontón tamén se referiu ás "trabas burocráticas" que pacede o sector, a segunda cuestión sobre a que centrou as propostas do BNG. Neste sentido, reclamou ao Goberno do PP que "deixe de botar balóns fóra" e asuma as súas responsabilidades dado que "unha parte moi importante dos problemas burocráticos veñen directamente relacionados con decisións que toma a Xunta da Galiza ou coa súa falta de alternativa" á hora de achegar solucións. 

Nesta liña, a portavoz nacionalista instou o Executivo de Alfonso Rueda a asumir "desde o ámbito público o control e a supervisión da normativa", en vez de responsabilizar os propios gandeiros e gandeiras, así como estabelecer medidas de coordinación e unificación das normas entre as diferentes Consellarías que permita eliminar a carga burocrática. Pontón advertiu que as produtoras e os produtores, que fan un traballo duro e extraordinario, "tanto para dotarnos de alimentos de calidade como para manter vivo o rural galego", non sempre reciben a compensación nin o apoio que merecen por parte da Administración.

Ante a falta de respostas dun Goberno do PP que "bota balóns fóra ou busca culpábeis en vez de achegar solucións", Pontón defendeu as medidas concretas que ten o BNG para impulsar o sector  agrogandeiro e atender as súas reivindicacións.

Comentarios