Un novo caso de cártel? Unións Agrarias denuncia un pacto de prezos entre industrias cárnicas

O 'cártel' das industrias cárnicas tería provocado perdas de até 16 millóns de euros ás explotacións galegas.
José Ramón González e Félix Porto, representantes de UUAA (Foto: Nós Diario).
photo_camera José Ramón González e Félix Porto, representantes de UUAA (Foto: Nós Diario).

Unións Agrarias (UUAA) presentou unha denuncia ante os organismos de control e de competencia contra as industrias cárnicas, agrupadas en Asogacarne, por "incumprir de forma reiterada e continuada" a Lei de cadea alimentaria mediante un suposto pacto de prezos que provoca que as explotacións galegas reciban "un euro por baixo de custos de produción" por cada quilo de canle -corpo do animal despois de ser sacrificado e eviscerado-, o que supón "perdas anuais estimadas nuns 16 millóns de euros".

En concreto, a organización agraria presentou denuncias ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) -dependente do Goberno estatal-, o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais -dependente da Xunta da Galiza- e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

O secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de UUAA, Félix Porto, sinalou que decidiron dar este paso "igual" que fixeron contra o cártel lácteo, cuxas multas acaba de confirmar a Audiencia Nacional, "porque non parece normal que todos os contratos sexan exactamente iguais para todos os produtores, o que evidencia que non hai negociación, e que por tanto hai unha imposición de prezos á parte máis débil, que son sempre os produtores".

Pola súa parte, o responsábel de Producións Extensivas e Ecolóxicas de UUAA, José Ramón González, instou a que se investigue un centenar de industrias cárnicas que operan na Galiza, aínda que, aclarou, ao redor dunha decena supoñen até 60% do mercado.

Alcance das perdas

Na Galiza, hai ao redor dunhas 20.000 explotacións cárnicas, das cales unhas 8.000 son profesionais e as 12.000 restantes funcionan como actividade complementaria. Así, segundo os cálculos de Unións Agrarias, o pacto de prezos implicou até o momento un déficit de 12 millóns nos pagamentos que reciben as gandarías de Tenreira Galega Suprema, e de 16 millóns no conxunto de explotacións cárnicas galegas.

Comentarios