Debate do estado da nación

Pontón carga contra un Feixoo “decidido a gobernar” para o lobby eléctrico

Fronte a un Feixoo que “pensa en pequeno” e seguindo “os intereses dos lobbies eléctricos” e os “consellos de administración” de Ence e outras empresas, Ana Pontón sitúa necesario “mudar o rumbo” e “crear un gran país que pense Galiza ao grande”

Ana Pontón valora o discurso de Feixoo no Debate do estado da nación (Foto: Álvaro Ballesteros)
photo_camera Ana Pontón valora o discurso de Feixoo no Debate do estado da nación (Foto: Álvaro Ballesteros)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostén que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "pensa en pequeno" e ofreceu un BNG que "pensa na Galiza ao grande".

Así se pronunciou a líder nacionalista ao remate da primeira intervención do mandatario galego no Debate do estado da nación galega que iniciou este 13 de outubro no Parlamento galego.

As portavocías dos grupos (a propia Ana Pontón, ademais de Pedro Puy polo PP e o socialista Gonzalo Caballero) intervirán na tarde deste 13 de outubro na Cámara, mais a nacionalista xa adiantou unha primeira valoración sobre o discurso de Feixoo.

Observou un presidente que quere "seguir gobernando a favor dos lobbies e dos intereses dos consellos de administración dalgunhas empresas, fronte ao "interese xeral das galegas e galegos". Criticou que non aposte por solucións para o prezo da luz, como unha tarifa eléctrica galega, ou que "defenda os consellos de administración" e "unha prórroga ilegal" como a de Ence, fronte a sentenza xudicial da Audiencia Nacional que obriga a fábrica a abandonar a súa actual localización na Ría de Pontevedra.

Feixoo "non confía na potencialidade do país", resolveu Pontón, vendo "un presidente que pensa en pequeno, cando o que necesitamos é que se pense ao grande".

Sostivo que Feixoo debuxou unhas medidas que "fai que a Galiza sexa máis pequena en industria, emprego ou innovación". "E este é o retrato de tres Gobernos consecutivos, de fracasos”, que é “incapaz” de pór o país “a traballar e a producir" a "gran potencialidade" da Galiza.

A dirixente nacionalista sinalou que "se repetiron promesas", pero reduciunas a "anuncios propagandísticos que quedan en nada ou case nada" e denunciou que "ante problemas, Feixoo busca culpábeis en lugar de solucións".

Pontón, que tamén se referiu á mocidade para a que pediu políticas concretas, ironizou coa "moderación" da que falou Feixoo, a pesar de que é un "militante destacado" do PP, que "como quedou claro na convención, é o PP máis ultra da historia, que cuestiona a lingua propia".

A dirixente nacionalista tamén afeou a Feixoo as "dolorosísimas valoracións" sobre os datos da pandemia, de que a Galiza é a comunidade con mellores datos de falecidos. "Despois de todo o vivido na pandemia, ninguén merece un presidente que presuma de falecementos", apuntou.

"É posíbel crear un gran país, que se pense Galiza ao grande e hai outra maneira de entender a política e ten que servir para dar solucións ás maiorías sociais e levantarnos desta crise, porque hai esperanza se cambiamos o rumbo", sentenciou.

Comentarios