As chaves do Debate do estado da nación galega

Pobreza e reactivación da economía, cambios no modelo industrial e produtivo do país, xestión e destino dos fondos europeos Next Generation, sanidade e servizos públicos, coidado do medio e como financiar todo isto estará, xunto co autogoberno, na cerna do Debate do estado da nación galega. É o primeiro da era Covid e este 13 de outubro comeza na Cámara.
Arranca este 13 de outubro na Cámara galega o Debate do estado da nación, que rematará na sexta feira coa votación das propostas das propostas de resolución que presenten os grupos (Foto: Europa Press)
photo_camera Arranca este 13 de outubro na Cámara galega o Debate do estado da nación, que rematará na sexta feira coa votación das propostas das propostas de resolución que presenten os grupos (Foto: Europa Press)

Sanidade, crise, recuperación económica e autogoberno protagonizarán este 13 de ourubto e até a sexta feira o Debate sobre o estado da nación galega, o primeiro desde a irrupción da pandemia.

Os grupos políticos amosáronse nos últimos días dispostos a dialogar, se ben é certo que BNG e PSdeG desconfían do "rodete" do PP e que este impida coa súa maioría absoluta que saian aprobadas as propostas de resolución máis substanciais que leven a debate.

Crise económica

O debate tórnase crucial para a Galiza posCovid. A axenda que se marque condicionará a nación das vindeiras décadas. Na cerna da discusión espérase que estea a reactivación económica e o modelo industrial e produtivo polo que se opte co investimento dos fondos europeos Next Generation. A desindustrialización do país co fechamento de fábricas, a transición ecolóxica, a crise económica e mais a perda de poder adquisitivo da poboación esperan conclusións de proveito. 

A xestión dos Next Generation avivará o debate. A oposición acusa a Xunta de manter "oculta" a información sobre os proxectos europeos que vai candidatar á obtención destes fondos, pese a poñelos en común con Abanca e grandes empresas.

O BNG urxirá a aproveitar a crise "para sentar as bases dun novo modelo económico sustentábel", baseado na ciencia a na investigación. Segundo adiantaron, entre as súas 40 propostas figura dedicar 3% do orzamento da Xunta a ciencia e investigación.

"Un auténtico cambio de paradigma da Xunta", pide o PSdeG, que chama a “aproveitar a oportunidade histórica dos fondos Next Generation" ao tempo que critica a "ausencia dunha traxectoria de política económica e industrial activa” por parte do Goberno galego.

O financiamento e o contraído autogoberno

Parece que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pretende levar o debate cara a outro tema que o Parlamento tratará nas vindeiras semanas: a aprobación dos Orzamentos da Xunta para 2022. De facto, o presidente anunciou a través da súa conta de Twitter unha baixada de impostos coas contas do próximo ano. "Tamén falaremos de política fiscal", sinalou sobre o debate, afirmando que rexeita "a suba fiscal anunciada polo Goberno" español. Nese sentido, ademais de falar de crise industrial e repartición dos fondos Next Generation, apelará á necesidade de reformar o modelo de financiamento autonómico.

A ese respecto, o BNG proporá  "a mellora da capacidade económica da Galiza cun novo modelo de financiamento que dea ao país a chave dos seus cartos". Así o avanzou a líder do BNG, Ana Pontón, que defende "abrir  un debate con ambición de país para avanzar nun novo status político".

E aí , xunto ao financiamento e autogoberno, prevese que estale un novo confronto no debate: autogoberno e competencias. O PP terá que xustificar por que nos 12 anos de mandatos de Feixoo este non logrou un só traspaso de competencias do Estado á Galiza, a diferenza doutras comunidades. 

No albo, os trámites para que a Galiza sexa titular da AP-9 e as emendas de PSOE e PP presentadas en Madrid para mudar o texto acordado por unanimidade na sede do lexislativo galego.

Sanidade

Feixoo anunciará est 13 de outubro a inminente fin da emerxencia sanitaria na Galiza, que leva 19 meses en activo (desde marzo 2020). Propostas ante o colapso da Atención Primaria, a falta de persoal e medios, e contra a privatización dos servizos públicos e as residencias de maiores serán os eixos das intervencións de Pontón e Caballero.

Feixoo, sen límite de tempo para debater, fronte aos 60 minutos da oposición

Este será o 25 Debate sobre o estado da nación galega, o primeiro desta lexislatura e o décimo para Núñez Feixoo nos seus 12 anos como presidente da Xunta. Tamén será o primeiro debate do estado da Galiza para Ana Pontón como líder da oposición. Iniciouse en 1989, co mandato de Fernando González Laxe, e o esquema formal tivo algunhas variacións desde entón.

Iniciará a sesión Feixoo, cun discurso sen límite de tempo. O pleno retomarase ás 16 horas coa intervención das portavocías dos grupos: Pedro Puy (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG), cun tempo de 45 minutos cada un. Feixoo procederá a responder antes dunha nova réplica dos grupos (de 15 minutos cada un) e fechará a xornada coa última  contrarréplica.

Na sexta feira, ás 11, será a quenda do debate e a votación das propostas de resolución, máximo de 40 por grupo. As formacións teñen a quinta feira, 14 de ourubo, para negocialas.

Comentarios