Debate do estado da nación

Ence en Pontevedra, fábrica téxtil en Lugo e Zona Franca en Ferrol, os anuncios industriais de Feixoo

A recuperación económica e os proxectos Next Generation centraron boa parte da intervención do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, no inicio do Debate do estado da nación galega. Fronte á crise industrial defendeu a permanencia de Ence en Pontevedra, o proxecto de fábrica de fibras téxtiles para Lugo, unha Zona Franca para Ferrol e o proxecto de fábrica de hidróxeno verde e de almacenamento de enerxías nas zonas das Pontes e Meirama.

Inciio do Debate do estado da nación no Parlamento galego (Foto: Álvaro Ballesteros - Europa Press)
photo_camera Inciio do Debate do estado da nación no Parlamento galego (Foto: Álvaro Ballesteros - Europa Press)

A crise industrial e de emprego e a recuperación económica está a centrar, como era previsíbel, o primeiro Debate do estado da nación galega que se produce desde a irrupción da pandemia. É tamén o primeiro desta lexislatura.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, pronunciou a súa intervención na mañá deste 13 de outubro e, á espera da quenda dos grupos políticos a partir das 16 horas, hai xa varias chaves postas enriba da mesa.

Entre elas as que se refiren aos proxectos europeos para a captación de fondos de recuperación Next Generation. O presidente da Xunta revelou que o Executivo galego aínda non remitiu ao Goberno estatal os tres proxectos principais que a vicepresidenta económica española, Nadia Calviño, solicitou ao propio Feixoo na súa visita a Galiza hai case un mes, o pasado 16 de setembro.

O mandatario galego, que enxalzara hai un ano que e enviara a Pedro Sánchez sete borradores de proxectos tractores, queixouse de que unicamente sexan tres eixos concretos e desenvolvidos solicitados por Calviño e pediu colaboración aos grupos da oposición para sinalalos. Precisamente, BNG e PSdeG levan o último ano criticando que a Xunta non lles oculta información e datos sobre os proxectos que está a elaborar con entidades bancarias e empresas privadas.

Dentro dos proxectos, Feixoo sinalou varios que espera que reciban o aval do Estado: a fábrica de fibras téxtiles dentro do eixo do sector forestal, os proxectos do sector alimentario, os programas de investimento da automoción e en concreto o programa  Áncora, que aspira a recibir 1.200 millóns de euros para liderar a nova mobilidade intelixente, sostíbel e autónoma.

Tamén salientou os proxectos enerxéticos como a planta de xeración de hidróxeno verde e almacenamento enerxético e os proxectos para instalar a eólica mariña.

Ence para Pontevedra, fábrica téxtil para Lugo, Zona Franca para Ferrol

Feixoo avanzou que o Goberno galego, a través da súa representación na Sociedade Impulsa, proporá estudar a viabilidade de instalar a fábrica de fibras téxtiles “na provincia de Lugo”. Así o avanzou, ao tempo que pediu apoio dos grupos da Cámara contra o que considerou un "ataque continuado" por parte do Executivo estatal á Galiza industrial.

Neste sentido, ademais de propor estudar a viabilidade de situar esta planta na zona de Lugo, volveu reclamar a "intervención temporal da planta de Alcoa por parte do Goberno estatal", así como unha solución que impida o fechamento de  Vestas en Viveiro. Así o dixo Feixoo, pese a que a Xunta segue sen anunciar a súa intención de invalidar o ERE da multinacional Vestas, sería esta unha competencia que está nas mans da Administración galega e que a oposición insta a executar para salvar os 115 postos de traballo.

Ademais, en canto á comarca de Ferrolterra, avanzou que a Xunta porá en marcha unha nova delegación da Xunta en Ferrol e pedirá ao Executivo estatal que cre unha Zona Franca nesta área.

As fábricas de hidróxeno verde e almacenamentos de enerxía sinalou que sería óptimo que estivesen vinculadas ás zonas das Pontes e Meirama, para compensar o cese de actividade das plantas deses Concellos.

Por último, no caso de Pontevedra, destacou que a Xunta deu traslado esta semana ao Consello Consultivo a proposta para que os terreos da fábrica queden adheridos ao Porto de Marín e, por tanto, a pasteira continúe na súa actual ubicación na Ría de Pontevedra, pese á sentenza da Audiencia Nacional que a obriga a saír dese enclave. Nada dixo sobre a responsabilidade da Xunta para axudar a buscar unha nova localización para Ence, cuestión que lle podería acometer ao ter a Xunta as competencias en materia de industria.

En canto ás axudas a asectores impactados pola pandemia, avanzou que nos próximos días haberá  "unha nova convocatoria" do plan de rescate (realizáronse tres convocatorias, con fondos propios e procedentes do Estado), co fin de "corrixir as deficiencias que padecen as Administracións e os afectados polas condicións que marcou o Goberno estatal no anterior".

Fin da emerxencia sanitaria

Feixoo tamén anunciou que a Xunta levantará a próxima semana a emerxencia sanitaria, en vigor desde hai 19 meses, xa que foi declarada en marzo de 2020 coa irrupción da pandemia da Covid-19 na Galiza.

Após citar as 2.463 vítimas mortais con coronavirus e lembrar todas as persoas que continúan con efectos tras pasar a enfermidade, avanzou que a Xunta erixirá un monumento que "permita ter sempre presente as e os falecidos", que sexa homenaxe aos que traballaron no control da pandemia, que recoñeza o éxito da vacinación, así como o comportamento da xente.

"En definitiva, que sirva de recordo para as xeracións futuras do que ocorreu e tamén de exemplo por como respondemos", destacou.

Escolas infantís

O presidente tamén anunciou que todas as escolas infantís -públicas, privadas e de iniciativa social, así como as municipais que estean ao día co Consorcio- serán gratuítas desde o primeiro fillo a partir do próximo curso.

Modelo de residencias

"A partir do ano 2022", Galiza comezará a implantar o novo modelo de residencias "máis ambicioso e vangardista" de toda España que, entre outras cuestións, incluirá unidades de convivencia de 25 persoas como máximo. Así respondeu as críticas da oposición que desde o inicio da pandemia urxen a mudar o sistema residencial galego, masificado nos seus interiores e fondamente privatizado. Porén, nada dixo sobre mudar a regra que marca a xestión na Galiza: centros públicos da Xunta xestionados por empresas privadas e con persoal precarizao e centros privados aos que a Xunta subvenciona paga prazas.

O presidente anunciou a creación das primeiras unidades de coidados intermedios, nas que se atenderá as persoas que tras recibir o alta nun hospital necesitan acompañamento social durante un determinado tempo.

Vacinación da terceira dose

O mandatario confirmou que a Galiza "volverá estar preparada" para administrar a terceira dose da vacina contra a covid-19 en base ás decisións sobre a orde de administración e no momento no que o fixen os expertos.

Aliás, afirmou que se está traducindo nos tempos de espera con respecto ao ano pasado nas listas: en 40 días para probas, 30 días para cirurxías e 23 para primeiras consultas.

Feixoo tamén asegurou que a Saúde Mental será un ámbito de preocupación para o Goberno galego, que este mes presentará un mínimo de 50 novas solicitudes de acreditación para poder ter máis unidades formativas de novos médicos.

En canto aos orzamentos do ano 2022, o gasto social "aumentará até 71,1%", dixo, aínda que fixa por ver as contas, para coñecer se é sobre a cifra orzada no anterior exercicio ou sobre a executada (tenden a postularse estas cifras sobre o nivel de gasto e non sobre o nivel de recursos orzados).  O mesmo acontece coa Atención primaria, da que dixo, terá un orzamento previsto que representa "un terzo" do gasto sanitario para o ano que vén.

O mandatario galego tamén propuxo un debate "profundo" sobre a telemedicina e avanzou que se implantará "a oitava área sanitaria" do Sergas, que se trata dun "centro sanitario virtual", con uso de Big Data, Intelixencia Artificial e internet.

Recordo a Valeriano Martínez

O pleno do debate iniciou ás 10 horas Pazo do Hórreo cun minuto de silencio polo falecemento repentino do conselleiro de  Facenda, Valeriano Martínez, e unhas palabras de recordo para o que foi tamén deputado da Cámara.

"Un servidor público excepcional", en palabras do presidente do Parlamento, Miguel Santalices. No seu escano azul como membro do Goberno, entre o vicepresidente segundo e a conselleira de Medio Ambiente, unha hortensia branca e senllos exemplares da Constitución e do Estatuto de Autonomía.

Nos seus primeiros minutos da súa intervención, o presidente da Xunta, con gravata negra, tamén tivo palabras de memoria para quen lle acompañou na Administración pública máis de 30 anos.

Feixoo realizou unha mención especial para o Bloque Nacionalista Galego, que "aceptou atrasar" cinco días este debate, o cal non transcendera até este momento, para contar co Goberno xa na súa totalidade conformado, e centrarse na presentación dos orzamentos.

Con todo, esta situación non se produciu e entendeu que non son "sinxelas" toda as "circunstancias" no hemiciclo (non mencionou ao PSdeG especificamente).

Comentarios