O estado da nación, a debate coa crise sanitaria, económica e industrial como protagonista

O colapso na sanidade e en concreto na Atención Primaria, a crise industrial e a recuperación económica serán os temas protagonistas que centrarán de 13 a 15 de outubro o primeiro debate na era Covid sobre o estado da Galiza. Será o primeiro desta lexislatura para Feixoo e o primeiro para Pontón como líder da oposición.
 
O vindeiro 13 de outubro será o cara a cara entre Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero (Foto: Europa Press / Nós Diario)
photo_camera O vindeiro 13 de outubro será o cara a cara entre Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero (Foto: Europa Press / Nós Diario)

A situación dos servizos públicos como a sanidade e a educación, a crise industrial que afecta a Galiza, a situación económica e os fondos europeos Next Generation centrarán na próxima semana o debate do estado da nación, o primeiro desde a irrupción da pandemia. Será tamén o primeiro para Alberto Núñez Feixoo nesta lexislatura -o noveno como presidente da Xunta- e o primeiro para Ana Pontón como líder da oposición. 

Segundo o estipulado este 5 de outubro pola Xunta de Portavoces da Cámara, que elaborou a orde do debate, este iniciará ás 10 horas da mañá do día 13 coa intervención, sen límite de tempo, do presidente da Xunta. Xa pola tarde, sobre as 16 horas, intervirán as portavocías de cada grupo (PP, BNG e PSdeG). Terán un tempo aproximado de 45 minutos, tras o que Feixoo poderá responder. Os partidos contarán cunha segunda intervención de 15 minutos antes da fin da xornada por parte do presidente da Xunta.

O día 14 resérvase para as negociacións das propostas de resolución, que serán votadas na sexta feira, día 15, tras as novas intervencións dos grupos.

Debate na Galiza

O voceiro do grupo popular, Pedro Puy, situou a realización do debate "na normalidade democrática que vive a Galiza" en contraposición co Estado. 

Así, o popular salientou que no Congreso o último debate sobre a situación do Estado foi hai sete anos. "Mesmo políticos como Pablo Iglesias ou Albert Rivera non chegaron a participar nunha sesión deste tipo”, exemplificou.

40 propostas do BNG

O BNG defenderá 40 propostas para saír da crise económica e social tras a pandemia. Así o anunciou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, que emprazou o PP a considerar estas ideas e non tiralas “ao caixón do lixo”.

No BNG enfocan o debate en dous planos. No primeiro farán unha diagnose da situación do país despois de 12 anos de Gobernos de Núñez Feixoo na Xunta. O segundo plano é o relativo á formulación das súas 40 propostas de resolución.

Estas propostas centraranse en "dar resposta e solución” á situación económica e social así como aos “enormes retos” de futuro que se presentan, explicou Rodil. "Son necesarias medidas urxentes para frear o deterioro público sobre todo na sanidade e na súa chave de bóveda, a Atención Primaria”, defendeu. Por iso, as propostas irán encamiñadas a "rescatar os servizos públicos, dar resposta á crise industrial nunha situación agónica antes da chegada da pandemia e que a Covid-19 aínda agravou máis, e tamén para encarar a emerxencia climática e a  transición ecolóxica e enerxética”.

Rodil outorgou grande importancia á xestión e uso dos fondos Nex Generation para reconstruír a economía galega. Por outra banda, o BNG tamén defenderá propostas en defensa “dos dereitos laborais das mulleres e a mocidade”.

Unha estratexia de país 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levará ao debate propostas para impulsar a configuración dunha “estratexia de país da que carece a Xunta”. Así o explicou o viceportavoz  do grupo parlamentario socialista, Pablo Arangüena.

Entre os problemas do país, resaltou “o déficit en política social”, nun escenario en que “hoxe [por onte] saen datos que amosan que a Galiza é a segunda comunidade con menor gasto en dependencia”. Tamén enumerou “o colapso progresivo da sanidade, con listas de agarda en Atención Primaria por primeira vez ou o incremento dos prazos para entrar en quirófano ou ser atendido por especialistas”.

En canto “á falla de política industrial da Xunta nos últimos doce anos”, Arangüena advertiu que a Galiza “está nunha situación de crise con empresas que fechan, mentres o PP non é capaz de atraer novos investimentos”.

Atinar coa xestión e usos dos fondos Next Generation cunha "mudanza do paradigma da Xunta", o desemprego, a falta de oportunidades para a mocidade, a ausencia de políticas de vivenda, a baixa natalidade ou a política ambiental tamén estarán nas propostas dos socialistas. 

Agárdanse máis roletes que consensos

No PP avanzan que van ao debate con ánimo de consenso, aínda que consideran “moi difícil" asumir "que a saída da crise pasa por aplicar" o programa do BNG, porque este "está impregnado de soberanismo e intervencionismo", din.

No Bloque recordan que nos últimos cinco debates de política xeral presentaron 200 propostas das que 198 foron rexeitadas polo PP.

O PSdeG tamén afirma ter "máxima predisposición" ao diálogo aínda que desconfía do "rolete" dun PP "cada vez máis" escorado cara a Vox.

Comentarios