Pontevedra é a única circunscrición galega que gaña electoras a respecto das municipais de 2019

Un total de 2.225.962 galegas e galegos están chamadas ás urnas nas próximas eleccións municipais que decorrerán o 28 de maio, o que supón uns 22.600 menos que nos últimos comicios de 2019, segundo datos do censo electoral publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)

Un total de 2.225.962 galegas e galegos están chamadas ás urnas nas próximas eleccións municipais que decorrerán o 28 de maio, o que supón uns 22.600 menos que nos últimos comicios de 2019, segundo datos do censo electoral publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que recollen que só a circunscrición de Pontevedra gaña en número de votantes.

En concreto, uns 924.407 electores na circunscrición da Coruña poderán elixir os seus alcaldes e alcaldesas dentro de menos de dous meses, o que supón case 6.350 menos que hai catro anos.

Na de Lugo están chamadas ás urnas 270.272 persoas (case 9.270 menos). Na de Ourense, a cifra fica en 255.523 (-7.121 persoas).

Pola súa parte, na circunscrición de Pontevedra poderán exercer o seu dereito ao voto 775.760 persoas. Isto supón situarse como a única das catro circunscricións galegas que gaña electores, con algo máis de 80 novos votantes.

Datos estatais

A nivel estatal, o 28 de maio poderán votar 36.585.840 electores. O censo electoral de residentes no Estado poderase consultar do 10 ao 17 de abril nos concellos e nas delegacións provinciais da OCE. Os electores residentes noutros Estados poderán comprobar os seus datos de inscrición nestas mesmas datas nas oficinas consulares.

As tarxetas censuais enviaranse a partir do 1 de maio e nelas informarase da mesa e o local electoral onde debe votar o elector.

Tamén está dispoñíbel na Sede electrónica do INE un servizo de consulta aos datos de inscrición no censo electoral previa acreditación da identidade.

As persoas electoras poderán presentar reclamacións aos seus datos de inscrición nos concellos, consulados ou nas delegacións provinciais da OCE no mesmo prazo, do 10 ao 17 de abril.

Como novidade nestas eleccións, os electores residentes no Estado español poderán presentar reclamacións a través da Sede electrónica do INE e achegando un certificado vixente de inscrición no Padrón do seu municipio de residencia.

Oposición a recibir propaganda

Até o 17 de abril pódese realizar a solicitude para non recibir propaganda electoral por parte dos partidos políticos na campaña electoral destas eleccións, de acordo ao estabelecido no cambio lexislativo levado a cabo en decembro de 2018. As solicitudes posteriores ao 17 de abril terán efecto nas seguintes eleccións que se celebren.

A solicitude de exclusión pode realizarse por internet na Sede electrónica do INE ou nos concellos, oficinas consulares e delegacións provinciais da OCE.

Nestas eleccións vaise habilitar un novo procedemento de solicitude e entrega das copias do censo electoral aos representantes das candidaturas proclamadas, que consiste na súa captura desde un portal do INE que se creará para iso. Como requisito, na solicitude das copias deberán achegar dúas contas de correo electrónico que se usaran para enviar á candidatura información do portal e os contrasinais para acceso aos ficheiros e a apertura dos mesmos.

Comentarios