O PP quere "maiorías absolutas" o 28-M fronte a "perdedores"

O lema para as municipais é 'Galicia entre todos'.
Paula Prado presidiu esta cuarta feira a reunión do comité de campaña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paula Prado presidiu esta cuarta feira a reunión do comité de campaña. (Foto: Nós Diario)

O PP da Galiza realizou esta cuarta feira a primeira reunión do seu comité de campaña para as eleccións municipais do 28 de maio, nas que terá por lema Galicia entre todos, con independencia de que as candidaturas en cada un dos 313 concellos poidan varialo. A secretaria xeral do Partido Popular galego, Paula Prado, foi a encargada de dirixir este encontro que se desenvolveu en Santiago.

 Desde alí, marcou o xa habitual reto de conseguir maiorías absolutas nas corporacións locais, porque gañar os comicios "non é suficiente" para que as Alcaldías non acaben en mans do que denominou "pactos de perdedores", en referencia aos acordos estabelecidos entre nacionalistas e socialistas. "Probabelmente sexamos a forza máis votada en todos os municipios da Galiza, pero iso non é suficiente. Temos que chegar á maioría suficiente para poder gobernar", sinalou.

Paula Prado tamén aproveitou esta comparecencia para cargar contra un BNG "instalado no independentismo e no ecoloxismo radical, que tanto dano está a facer" ao territorio galego, segundo dixo. E acusou o PSdeG de vivir "instalado en constantes crises".

Comentarios