28-M

Como voto por correo? Cando comeza a campaña? Todo o que precisas saber sobre as eleccións do 28-M

Esta cuarta feira ábrese o prazo para solicitar o voto por correo. O prazo vai do día 5 de abril ao 18 de maio.
Eleccións municipais de 2105 en Vigo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Eleccións municipais de 2105 en Vigo (Foto: Nós Diario)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta terza feira o Real Decreto polo que se convocan eleccións municipais para o próximo 28 de maio, data na que tamén se celebrarán os comicios autonómicos na maioría de comunidades do Estado español, aínda que no caso galego só hai comicios municipais.

Este Real Decreto foi aprobado polo Consello de Ministras e Ministros do pasado 28 de marzo e rubricado este luns polo xefe do Estado, o rei Filipe VI, un paso obrigatorio no Estado español. Segundo este decreto, a campaña electoral para estas citas electorais durará 15 días, desde as 00.00 horas da sexta feira 12 de maio até as 24.00 da sexta feira día 26.

Tamén o BOE sinala que os deputados e deputadas das Deputacións Provinciais serán elixidos unha vez celebradas as eleccións locais, de acordo con o estabelecido por lei.

O Real Decreto lembra que existe a posibilidade dunha nova convocatoria se se declaran nulas as eleccións organizadas naquelas mesas que resulten afectadas por irregularidades invalidantes, "podendo limitarse dita convocatoria ao acto da votación, de acordo, en todo caso, cos termos da sentenza ou do acordo anulatorio correspondente, e no prazo de tres meses a partir da sentenza".

"É por iso -sinala o texto- que resulta imprescindíbel que as Xuntas Electorais de Zona e os Xulgados e Tribunais faciliten unha información puntual, fiábel e precisa respecto dos lugares nos que proceda convocar eleccións locais parciais".

Voto por correo

Esta cuarta feira ábrese o prazo para solicitar o voto por correo. O prazo vai do día 5 de abril ao 18 de maio.

O primeiro paso é achegarse até unha oficina de Correos co documento de identidade onde se facilitará un formulario. Despois deste paso, recíbese na casa da persoa solicitante un sobre de votación, o certificado de inscrición no censo electoral, un sobre coa información da mesa electoral e unha folla explicativa.

Unha vez escollida a papeleta da formación política na que se desexa depositar o voto, débese introducir no sobre xunto co certificado de inscrición no censo electoral e entregalo nunha oficina de correos.

Comentarios