23-X

As peticións de voto por correo para o 23-X triplícanse con respecto ás últimas estatais

A gran maioría (108.541) das solicitudes de voto por correo na Galiza realizáronse de maneira presencial, mentres que os 37.603 restantes foron por vía web.
Traballadora de Correos (arquivo/EP).
photo_camera Traballadora de Correos (arquivo/EP).

Correos tramita un total de 146.144 solicitudes de voto por correo para as eleccións estatais do 23 de xullo na Galiza, unha cifra que supón máis do triplo que para a repetición de comicios do 10 de novembro de 2019, cando se rexistraron 47.609.

Así, segundo os datos e en comparación co censo electoral, estas máis de 146.000 peticións de voto por correo supoñen 6,6% de todos os electores residentes no Estado que exercen o seu dereito de sufraxio activo na Galiza (2.216.483).

A gran maioría (108.541) das solicitudes de voto por correo na Galiza realizáronse de maneira presencial, mentres que os 37.603 restantes foron por vía web.

Por circunscricións, a oficina do censo electoral da Coruña recibiu 59.226 solicitudes, seguida da de Pontevedra con 43.907. Mentres tanto, a de Lugo tramitou 21.583, cifra similar á de Ourense, con 21.428.

Na Galiza, o censo electoral total, sumando os residentes en no Estado e os do exterior -o coñecido como CERA-, é de 2.688.623 cidadáns con dereito a voto.

Datos estatais

Correos recibiu un total de 2.622.808 solicitudes de voto por correo para estas eleccións xerais do próximo 23 de xullo, unha cifra récord desde que hai rexistros deste sistema de sufraxio, aínda que a data deste sexta feira aínda faltan por entregar un total de 737.585 documentacións electorais a votantes, que teñen que ser proporcionadas até este domingo 16 de xullo, cando se acaba o prazo para este efecto.

Segundo os datos proporcionados por Correos despois de que esta quinta feira 13 de xullo finalizase o prazo para solicitar o voto por correo, validáronse máis de 2,6 millóns en total, aínda que se entregaron 1.885.223 documentacións aos electores.

Correos dispón de prazo até o domingo 16 de xullo para entregar o sobre con toda a documentación necesaria -incluídas as papeletas- na dirección que indicase o solicitante. Os repartidores de Correos tentarán entregar persoalmente ao votante até un máximo de dúas veces a documentación. Tras iso, deixarán un aviso de chegada para a súa recollida na oficina postal correspondente.

Unha vez solicitado o voto, o elector terá de prazo até a quinta feira 20 de xullo -aínda que Correos non descarta amplialo- para depositar a documentación en calquera oficina. Alí, os traballadores de Correos exixirán ao votante que se identifique co DNI ou un documento análogo.

Cifra récord

En calquera caso, os datos das solicitudes de voto por correo para este 23-X supoñen unha cifra récord respecto a outros anos dos que se teñen datos, xa que son 94,71% máis respecto a as eleccións de 2019 e un 80,45% máis que as de 2016, que até hoxe era as que marcaban o récord histórico.

En concreto, nos comicios de 2016, que tamén decorreron ás portas do verán, Correos recibiu 1.452.988 solicitudes para este sistema de votación, un millón menos das peticións que se produciron nestas eleccións do 23-X.

Os datos de solicitudes de voto por correo para o 23-X tamén son moitos máis elevados respecto a as anteriores eleccións estatais, xa que en abril de 2019 elixiron este sistema de sufraxio máis de 1,2 millóns e algo menos dun millón na repetición electoral do 10 de novembro.

Cabe lembrar, que Correos abrirá as súas oficinas esta fin de semana para facilitar o voto por correo en todo o Estado, cun horario de 09 a 21 horas en Madrid, Barcelona e varias cidades turísticas, e non descarta ampliar o prazo para o depósito do sufraxio, fixado até o momento para a quinta feira 20 de xullo.

Comentarios