23-X

Últimas horas para solicitar o voto por correo: isto é o que precisas saber

As peticións superaron os dous millóns a semana pasada e a cidadanía ten até o día 20, quinta feira, para depositar o voto.
Unha persoa asina a solicitude de voto por correo. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
photo_camera Unha persoa asina a solicitude de voto por correo. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

O prazo para solicitar o voto por correo para as eleccións estatais finaliza esta quinta feira, 13 de xullo, malia que as e os cidadáns teñen até o próximo día 20 para poder depositalo en calquera oficina de Correos do Estado español no seu horario habitual. Os electores que elixan este sistema de votación poden solicitalo até mañá en calquera oficina de Correos ou por Internet a través da súa páxina web.

A partir de aí, Correos dispón de prazo até o domingo 16 de xullo para entregar o sobre con toda a documentación necesaria —incluídas as papeletas— na dirección que indicase a persoa solicitante. Os repartidores de Correos tentarán entregar persoalmente ao votante até un máximo de dúas veces a documentación. Tras iso, deixarán un aviso de chegada para a súa recollida na oficina postal correspondente.

Até a semana pasada, as solicitudes de voto superaran xa os dous millóns, unha cifra récord neste sistema de sufraxio. Por este motivo, e dada a celebración de días festivos en diferentes localidades e o período estival, Correos recomenda aos cidadáns que desexen exercer o seu dereito ao voto por correo que procuren non esperar até o último día e que aproveiten a amplitude horaria das oficinas postais.

Unha vez solicitado o voto, o elector terá de prazo até a seguinte quinta feira, 20 de xullo, para depositar a documentación en calquera oficina de Correos. Alí, os traballadores de Correos esixirán ao votante que se identifique co DNI ou un documento análogo. No caso de que a persoa interesada non se atope presente no enderezo indicado cando os repartidores de Correos tenten entregar en persoa a documentación, o voto permanecerá na oficina postal que corresponda tamén até o 20 de xullo. O depósito do voto deberá efectuarse nos horarios habituais das oficinas postais. Con todo, Correos ampliou o horario de miles das súas sucursais para axilizar as votacións anticipadas.

Delegar o voto

As persoas que solicitaron o voto por correo e non poidan acudir persoalmente á oficina de Correos para depositar o voto, deberán outorgar unha autorización para que a entrega sexa realizada por outra persoa no seu nome. A autorización deberá ser asinada polo elector e acompañarse da fotocopia do seu documento nacional de identidade (DNI), pasaporte ou outro documento oficial identificativo, así como da fotocopia do documento identificativo da persoa á que autoriza. Para facilitar a redacción dese documento de autorización con todos os datos necesarios, Correos recomenda utilizar o modelo de autorización que se pode descargar na web oficial.

O persoal de Correos non aceptará a entrega de documentación electoral pertencente a outro elector se non se acompaña da correspondente autorización asinada polo elector, que deberá ser conservada, xunto á fotocopia do documento oficial acreditativo do elector e de quen entrega no seu nome a documentación electoral, para a súa remisión á Xunta Electoral de Zona correspondente.

Recibilo noutro enderezo

A pasada segunda feira Correos informou que as persoas que solicitasen este sistema de votación e desexen recibir a documentación nun enderezo diferente ao que indicaron ao principio, poden pedir "a reexpedición da mesma a outro enderezo en calquera oficina de Correos". Para iso, é necesario achegar o número de rexistro do devandito envío, que se pode obter na páxina web da Oficina do Censo Electoral (OCE). Neste sentido, fai fincapé en que o votante que desexe que as papeletas lle cheguen a outro lugar deberá solicitar o cambio "con tempo suficiente".

Comentarios