Eleccións 23-X

Podo renunciar á mesa electoral? Que pasa se non vou? Sete preguntas e respostas sobre o sorteo que remata hoxe

Cada mesa electoral está composta por un presidente e dous vogais, mais non só se elixen estas tres persoas por mesa, senón un total de nove, xa que tamén se designan dous suplentes para cada posto. Nos próximos tres días citaranse todas as persoas escollidas.
Unha muller deposita o seu voto nunha urna nas eleccións estatais de novembro de 2019. (Foto: María José López / Europa Press)
photo_camera Unha muller deposita o seu voto nunha urna nas eleccións estatais de novembro de 2019. (Foto: María José López / Europa Press)
  1. Quen integran a mesa electoral?
  2. Como sei se me toca?
  3. Podo renunciar?
  4. E que pasa se non vou?
  5. Quen non entran no 'bombo'?
  6. Se xa estiven o 28 de maio... pode tocarme de novo?
  7. Canto me pagan por formar parte da mesa?

Esta cuarta feira, 28 de xuño, é o ultimo día de prazo que teñen os concellos para sortear as mesas electorais para os comicios do vindeiro 23 de xullo, para os que se convocará máis de medio millón de persoas en todo o Estado español entre titulares e suplentes. E ao remate desta semana deberán enviarse todas as citacións aos cidadáns e cidadás. Con base na lexislación vixente, o nomeamento dos integrantes da mesa electoral é competencia de cada concello, e elíxense mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar.

A tarefa está asignada ao pleno da corporación, mais non hai obxección para que o sorteo poida realizarse ante a Xunta de Goberno Local, no caso de que se lle delegase a competencia. Nun principio, os concellos tiñan de prazo entre o 24 e o 28 de xuño para celebrar eses sorteos; porén, a Xunta Electoral Central acordou permitir aos consistorios adiantalos ao día 22 sempre que estea listo o censo electoral de referencia.

Quen integran a mesa electoral?

Cada mesa electoral está composta por un presidente e dous vogais, mais non só se elixen estas tres persoas por mesa, senón un total de nove, xa que tamén se designan dous suplentes para cada posto, por se faltasen, por diversas circunstancias, as persoas designadas como titulares. Así, e á espera de posíbeis modificacións do censo, para estes comicios prevese habilitar 60.340 mesas electorais a nivel estatal, polo que os concellos deberán chamar máis de medio millón de persoas: 181.020 membros titulares e outros 362.040 suplentes.

Como sei se me toca?

As persoas designadas recibirán unha comunicación nos tres días seguintes ao sorteo —xunto a un manual de instrucións sobre o traballo que terán que desempeñar ao longo da xornada—, malia que se se produce máis tarde o atraso non será causa invalidante da designación. E todas elas estarán convocadas ás 8 horas da mañá do domingo 23 de xullo.

Podo renunciar?

Os cargos das persoas que integran as mesas electorais son obrigatorios, incluíndo os suplentes, aínda que hai unha serie de motivos polos que a persoa designada pode presentar escusas en caso de non estar dispoñíbel o 23 de xullo. A última palabra, con todo, tena a Xunta Electoral de Zona. Recibida a notificación, os elixidos terán sete días para presentar esas alegacións e, dado que esta vez as eleccións decorren en pleno período estival, a Xunta Electoral Central permitiu que se poida alegar a contratación dunha viaxe, pero sempre que se pagase antes da convocatoria de eleccións —30 de maio— e que a súa anulación supoña un prexuízo económico demostrábel. E todo iso asegurándose de que hai xente dispoñíbel na mesa.

E que pasa se non vou?

Eludir a obriga de estar na mesa electoral non sae 'gratis'. Segundo a Lei Electoral (Loreg), "o presidente e os vogais das mesas electorais, así como os seus respectivos suplentes, que deixen de concorrer ou desempeñar as súas funcións, as abandonen sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigas de escusa ou aviso previo que lles impón esta lei, incorrerán na pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a 24 meses".

Quen non entran no 'bombo'?

No sorteo das mesas entran todas as persoas censadas na sección electoral correspondente que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir, aínda que a partir dos 65 anos de idade poderase manifestar a renuncia no prazo de sete días. Non forman parte do sorteo as persoas que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de votantes e a votación. Tampouco poderán formar parte das mesas quen sexan candidatos ou candidatas nas eleccións.

O presidente ou presidenta deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.

Se xa estiven o 28 de maio... pode tocarme de novo?

A designación como persoa elixida para formar parte da mesa para un proceso electoral non supón a continuidade para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, poida ser elixida de novo en procesos consecutivos.

Canto me pagan por formar parte da mesa?

Os membros das mesas electorais cobrarán unha dieta de 70 euros polo seu labor de dirixir a votación e realizar o reconto das papeletas ao Congreso e ao Senado. É a mesma cantidade que se pagou nas eleccións locais do pasado 28 de maio.

Comentarios