A Xunta Electoral decide exixir o Documento de Identidade para emitir o voto por correo

A medida xa se aplicou excepcionalmente para os votantes de Melilla nos comicios locais do pasado 28 de maio ante as sospeitas dunha posíbel fraude electoral.
Oficina de Correos en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Correos en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A Xunta Electoral Central (XEC) aprobou esta quinta feira unha instrución estabelecendo que os electores que opten por votar por correo nas eleccións xerais do próximo 23 de abril deberán identificarse co Documento de Identidade (DI), ou documento análogo no momento de depositar o voto, e non só cando se solicita.

Trátase dunha medida que se aplicou excepcionalmente para os votantes de Melilla nos comicios locais do pasado 28 de maio ante as sospeitas dunha posíbel fraude tras as denuncias de roubo de documentación electoral e a investigación aberta respecto diso.

A lexislación obriga a identificarse co DI á hora de solicitar o voto por correo e recoller a documentación, pero xa non se considera necesario cando, días ou semanas despois, ese mesmo elector exerce o seu dereito e entrega o seu voto na oficina de Correos.

Pero o caso de Melilla, onde as solicitudes do voto por correo se dispararon até case 20% do censo e houbo denuncias de subtracción da documentación electoral que se ía a enviar a electores, aconsellaron á Xunta Electoral da cidade autónoma exixir o DI ao emitir o voto por correo.

No seu momento a XEC avalou a instrución e mesmo estendeu a exixencia desta medida extraordinaria a todas as oficinas de correos do resto do Estado español, aínda que só para votantes censados en Melilla.

A identificación do votante por correo tamén foi solicitada por algunhas das formacións que competían nos comicios en Melill e tamén pola Dirección Xeral de Política Interior.

Nese contexto, e perante a previsión dun incremento do voto por correspondencia dada a decisión de Pedro Sánchez de celebrar eleccións en período estival, a Xunta Electoral Central decidiu aplicar esa exixencia do DI para os comicios do 23 de xullo.

Identificación

Así, o votante por correo deberá identificarse ao depositar o seu sobre de votación na oficina de correos correspondente. E se non puidese acudir persoalmente a entregar a documentación, deberá outorgar unha autorización para que a entrega sexa realizada por outra persoa, que deberá estar asinada polo elector e acompañarse de fotocopia do seu DI ou documento análogo.

Comentarios