Crónica parlamentaria

Ana Pontón exixe ao presidente Alfonso Rueda non facer "carroñeirismo político" coa lei do 'só si é si'

Debate crispado no Parlamento na sesión de control ao presidente desta cuarta feira, a 48 horas do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A intervención da portavoz do BNG, Ana Pontón, reclamando máis medios e orzamentos contra a violencia machista derivou nun debate sobre a lei 'do si é si', con Alfonso Rueda responsabilizando o nacionalismo de que "se liberen delincuentes sexuais condenados" e Pontón advertindo o PP de que "está a pasar todas as liñas vermellas".
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez, esta cuarta feira, na Cámara galega. (Foto: Parlamento)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez, esta cuarta feira, na Cámara galega. (Foto: Parlamento)

65 mulleres asasinadas na Galiza desde 2003 pola violencia machista, 10 crianzas por violencia vicaria e, só en 2021, máis de 6.000 galegas denunciaron agresións machistas. Estes datos expostos esta cuarta feira na Cámara galega por Ana Pontón serviron á portavoz do BNG para incidir na necesidade de que as Administracións avancen na loita contra esta violencia.

A líder da oposición expuxo varias propostas do BNG ao respecto —destinar 1% do orzamento a este capítulo ou crear xulgados específicos en todas as cidades, por exemplo— para a seguir emprazar o presidente a que dese a coñecer cal son as propostas do Goberno galego.  Un tema, en vésperas do 25-N, que abría as portas a un debate sobre o feito e o que fica por facer no que respecta á violencia machista.

Catro veces "covarde"

Mais o que houbo foi un debate tenso e abrupto. A Alfonso Rueda non lle gustou que Pontón na súa intervención denunciase un "negacionismo", en referencia aos discursos da extrema dereita negando a violencia machista, que "avanza", e que "vai do ganchete" co PP. O presidente galego negou lexitimidade ao BNG para dar leccións sobre violencia de xénero polo seu apoio á coñecida como lei "do si é si".

Acusou a Pontón de caer nun "supremacismo radical" e preguntoulle directamente se se retractaba mantiña o "apoio entusiasta" á mencionada lei, da que dixo que ten o Estado español "asustado" por "liberar delincuentes sexuais condenados".

A portavoz do BNG afirmou que a nova norma era "un avance" e pediu que "se hai erros, que se corrixan". Mais, ante o discurso do presidente, pediulle a este que "non siga coa campaña de 'carroñeirismo político' deseñada desde Madrid" ao tempo que advertía da "irresponsabilidade" de escoitar un discurso que xera "alarma social" en boca de todo un presidente da Galiza.

Rueda, na súa quenda de réplica, empregou até en catro ocasións o termo "covarde" para se referir ao BNG. Non foi o único epíteto que dirixiu  á organización nacionalista, á que responsabilizou dun discurso "maniqueo", "absurdo" e fóra do "real". Unhas palabras que foron correspondidas desde a bancada popular cun aplauso máis longo do que é habitual nas sesións de control.

A portavoz nacionalista lamentou que Rueda fose ao debate "con cero propostas" mais si con vontade de "atacar" traspasando "todas as liñas vermellas". "Cumpra a lei contra a violencia machista", concluíu. Sen acadar o nivel de dureza deste debate, tamén na discusión en torno á outra cuestión dirixida ao presidente na sesión de control, a situación dos servizos públicos, houbo momentos tensos. 

"Cando o PP entra pola porta..."

Luís Álvarez (PSdeG) denunciou os recortes en sanidade e o "escaso compromiso" do Goberno galego en política social ou vivenda nestes anos. O portavoz do PSdeG na Cámara lamentou a “falla de compromiso” da Xunta, que levou a Galiza, dixo, a ser a segunda comunidade que menos inviste en Atención Primaria, "ter 10.000 solicitudes de dependencia sen valorar e deixar sen executar 400 millóns en vivenda pública". "Cando o Partido Popular entra pola porta, os servizos públicos saltan pola ventá”, resumiu Álvarez a política do Goberno galego.

Peaxes e vacinas

Na súa quenda, Rueda aproveitou para anunciar que as autoestradas xestionadas pola Xunta non subirán as peaxes en 2023 e que este sábado, pais e nais poden levar as crianzas de seis meses a 5 anos de idade aos hospitais a vacinar da gripe e enfermidades respiratorias.

Comentarios