POLÍTICA

Pancho Casal, candidato á Presidencia da Xunta pola Marea Galeguista

Pancho Casal, candidato á Presidencia da Xunta pola Marea Galeguista

O ex deputado de En Marea será o candidato a presidir o Goberno galego pola coalición Marea Galeguista, na que a formación se integra xunto a Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista para concorrer o 12 de xullo.
Presentación da Marea Galeguista en Compostela (Europa Press).
photo_camera Presentación da Marea Galeguista en Compostela (Europa Press).

A Marea Galeguista presentou esta mañá, na data límite para rexistrar as listas na Xunta Electoral, a súa candidatura para as eleccións do 12 de xullo. A coalición decidiu que o seu candidato á Presidencia da Xunta sexa o ex deputado de En Marea na lexislatura que acaba de rematar Pancho Casal, que vai de número un pola Coruña.

No reparto de cabezas de lista figuran tres persoas pertencentes a En Marea, ou ás mareas municipais vencelladas ao partido, salvo nun dos casos que vai unha representante de Compromiso. Así, o Partido Galeguista non ten cabezas de lista na coalición.

Peque González Nóvoa, coordinadora da Marea de Pontevedra e mestra de profesión, encabeza a lista pontevedresa; Iván Rodríguez Lombardero é o número un por Lugo, onde está implicado na política municipal como promotor de Ribadeo en Común e a Marea de Ribadeo; mentres que Milagros Corral Surribas, membro da Executiva Nacional de Compromiso por Galicia, será a candidata por Ourense.

Pancho Casal (A Coruña, 1955) é enxeñeiro industrial, mais a maior parte da súa carreira desenvolveuse no eido audiovisual como produtor. Conta con seis premios Goya a proxectos nos que participou e a produción de máis de 40 longametraxes. Foi elixido deputado por En Marea en 2016 e forma parte do Consello das Mareas do partido desde 2018.

comentarios