POLÍTICA

En Marea salienta que o "máis sensato" é votar en xullo e que o resto é "electoralismo"

"Quixemos ser responsábeis", asegura Pancho Casal a Nós Diario. "Propuxemos o domingo 19 para que toda a campaña electoral se produza cando xa estea levantado o estado de alarma no Estado". 
Pancho Casal (En Marea).
photo_camera Pancho Casal (En Marea).

"Por responsabilidade había que dar unha resposta, non simplemente oporse a Feixoo", di a Nós Diario o portavoz de En Marea Pancho Casal. A reunión da pasada quinta feira entre o presidente da Xunta e as forzas políticas galegas a respecto de retomar as eleccións adiadas do 5 de abril resolveuse co único apoio desta formación á proposta de Alberto Núñez Feixoo de pór as urnas no mes de xullo.

Pancho Casal salienta que había que elixir "o menos malo" e "non pórse de perfil". Así, explica que había "tres alternativas": votar en xullo, aprazar as eleccións ao outono ou votar cando haxa "garantías sanitarias". Aquí Casal apunta que iso último "non vai suceder até que non haxa unha vacina e todas as galegas estean vacinadas", algo que aprazaría os comicios galegos "até o inverno do ano que vén como mínimo"

"Quixemos ser responsábeis", conclúe a respecto da data do 19 de xullo que desde En Marea propuxeron na xuntanza de onte para realizar as eleccións á Presidencia da Xunta. 

"Propuxemos o domingo 19 para que toda a campaña electoral se produza cando xa estea levantado o estado de alarma no Estado", indica, para engadir que desde o PP se inclinan máis polo día 12 de xullo para pór as urnas. 

"A cuestión é que a Galiza non quede sen Goberno. O máis sensato, o máis serio e o máis responsábel é elixir a data menos mala, e o resto é electoralismo", salienta Casal. 

Votar con "garantías"

Neste sentido, o ex deputado de En Marea no Parlamento da Galiza (pois a Cámara está disolta e el non forma parte da Deputación Permanente) aclara: "Non lle dixemos que si a Feixoo, contestamos á pregunta. Aquí non hai certezas, e quen diga o contrario minte, hai opcións con máis seguridade ou menos. Consultamos con epidemiólogos e o que nos din é que en xullo a probabilidade de máis contaxios é baixa e que no outono é máis alta". 

En Marea solicitou onte a Feixoo que no decreto de convocatoria dos comicios inclúa unha "cláusula suspensiva" para "dilucidar na terceira ou cuarta semana de xuño" se hai que volver suspender as eleccións pola situación da COVID-19.

Desta maneira, tamén reclamaron que as votacións se produzan "coas máximas garantías". "Cremos que é posíbel facer cabinas para a xente que está nas mesas, poñer medios de hixienización e máscaras de protección para que o proceso electoral se realice con todas as garantías", argumenta Casal.

"E se non votamos en xullo que pasa? Que vai pasar en setembro despois de que 200.000 ou 300.000 persoas de zonas máis afectadas pasen o verán na Galiza?", incide Casal, que lembra que a finais de setembro remata o período para convocar eleccións. "Non podemos quedar sen Goberno na época máis dura na historia para o país", asegura.

Concorrer nunha "plataforma"

Por outra banda, En Marea debate se vai concorrer ás eleccións nesta ocasión despois de anunciar que non participaría nos comicios que tiñan que terse realizado o pasado 5 de abril coa marcha do seu líder, Luís Villares. 

A formación celebrou "asembleas telemáticas" a pasada fin de semana nas que "máis de 150 persoas" participaron nunha "reflexión" colectiva que levará a tomar unha decisión "nos vindeiros días". 

"Mudou todo", asevera a Nós Diario Pancho Casal, que salienta que "En Marea quere participar no proceso de reconstrución da Galiza".

"En abril decidimos non presentarnos por xenerosidade coas tres alternativas que había pero, en este momento, consideramos que nos últimos meses non evidenciaron que sexan unha verdadeira alternativa a Feixoo", agrega. 

Pretenden artellar unha "plataforma" ou "coalición" na que participen "movementos municipalistas" así como asociacións e partidos políticos para lograr "un chamamento máis transversal" á cidadanía galega. 

Comentarios