En Marea, Compromiso e o Partido Galeguista preséntanse como Marea Galeguista ás eleccións

A coalición preséntase este sábado en San Domingos de Bonaval, en Compostela.
Pancho Casal (En Marea).
photo_camera Pancho Casal (En Marea).

As negociacións entre En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista remataron esta sexta feira no rexistro da Xunta Electoral baixo o nome Marea Galeguista, co que concorrerán ás eleccións do vindeiro 12 de xullo á Presidencia da Xunta. 

A coalición, que aínda ten prazo para presentar as súas candidaturas, preséntase este sábado en San Domingos de Bonaval, en Compostela, ás 11 horas. 

Son os tres partidos principais os que asumen a titularidade da coalición electoral, segundo confirmaron a Nós Diario. Así, estas mesmas fontes sinalan que En Marea representa na coalición a todas as mareas municipais que permanecen vencelladas ao partido. 

Até o 8 de xuño, data na que remata o prazo para presentar as candidaturas na Xunta Electoral, as formacións realizarán os seus procesos internos de selección para despois confluír e elexir unha candidata á Presidencia da Xunta. 

Con esta, son catro as coalicións que participarán nas eleccións galegas. Pois a Marea Galeguista súmase a Galicia en Común-Anova Mareas, Espazo Común (a formación impulsada polo ex secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, xunto a Recortes Cero e Os Verdes), e Unidos por el futuro! (a alianza de Unidos por la Solidaridad Internacional, Democracia Efectiva e Unión Demócrata del Pueblo). 

Comentarios