Parlamento

A oposición insta Rueda a eliminar as rebaixas fiscais "para ricos"

Ana Pontón e Luís Álvarez critican o anuncio do presidente da Xunta de aumentar a 50% a bonificación do Imposto sobre o Patrimonio.
Comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: Europa Press)

Os dous grupos da oposición no Parlamento da Galiza, BNG e PSdeG, volveron exixir á Xunta na sesión desta terza feira que elimine as rebaixas fiscais "para ricos", como a bonificación de até 50% do Imposto sobre o Patrimonio anunciada a pasada sexta, nun debate no que o presidente galego, Alfonso Rueda, respondeu coa mesma receita que vén defendendo nas últimas datas: "Menos impostos e máis benestar".

Rueda compareceu no pazo do Hórreo para explicar as liñas mestras dos Orzamentos de 2023 e tanto a portavoz nacionalista, Ana Pontón, como o socialista, Luís Álvarez, pediron que "recupere" para os servizos públicos os 34 millóns de euros que vai deixar de ingresar coa nova rebaixa do Imposto de Patrimonio.

"Señor Rueda, non lle parece que é un insulto á inmensa maioría de galegos que, coa que está a caer, vostede presente un 'pelotazo' fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 galegos deste país?", preguntoulle a líder do Bloque.

Neste senso, Pontón tamén cuestionou a deflación do IRPF anunciada polo presidente para as rendas de menos de 35.000 euros: "Non é unha rebaixa fiscal, é unha corrección á inflación", dixo. Aliás, expuxo desde o hemiciclo unha reforma con medidas como elevar 10% o mínimo exento, así como aumentar de cinco a oito os tramos deste tributo para "facer unha distribución máis xusta" da riqueza.

A respecto do Imposto de Patrimonio, a portavoz nacional do Bloque pediu baixar a 300.000 euros o mínimo exento, "excluíndo a vivenda habitual". "O PP goberna para unha minoría. O BNG, en cambio, goberna para as maiorías. Miremos á xente do común e non aos multimillonarios, como fai vostede", espetoulle.

Pola súa parte, Álvarez (PSdeG) demandou que "renuncie" á bonificación extra do imposto de patrimonio. "Que ben sentarían eses 34 millóns de euros aos centros educativos e os centros de saúde da Galiza", dixo.

Tamén lle pediu o socialista a Rueda que abandone esas "competicións desbocadas entre as comunidades do PP", aínda que celebrou que Rueda, a diferenza dos seus compañeiros noutros territorios, "non se atreve" a eliminar este tributo "porque sabe que é unha medida inxusta".

Mentres tanto, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou o "exercicio de transparencia" realizado esta terza feira polo presidente da Xunta, quen "pediu comparecer" para explicar os que serán os primeiros orzamentos elaborados polo seu goberno.

comentarios