A Xunta sobe a 50% a bonificación do Imposto de Patrimonio e Rueda insiste en que "é mellor baixar que subir" os gravames

"Non ten ningún sentido subir os impostos", insiste o presidente galego.
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

O presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta ampliará a bonificación ao imposto de patrimonio, que pasará de 25% a 50% nos orzamentos de 2023. "Tomaremos decisións en materia fiscal", dixo, sobre unhas contas centradas, avanzou, en "protexer a actividade empresarial e as persoas".

"Estamos a estudar outras medidas, pero adianto que non subiremos impostos". "É moito mellor baixar impostos que subilos, non ten ningún sentido subilos", recalcou esta sexta feira, nun foro organizado por La Voz de Galicia no que participou nun relatorio sobre 'Competitividade e innovación para unha Galiza con máis certezas'.

"Estamos acabando de rematar un orzamento serio ao que lle faltan variábeis importantes para acabar de fechalo", afirmou tamén en resposta ás demandas de información sobre o mesmo da oposición.

Esta mesma quinta feira Rueda afirmara, preguntado polos anuncios de Andalucía e Murcia de seguir o ronsel de Madrid na eliminación deste imposto, que Alberto Núñez Feixoo "non guía" a política fiscal da Galiza, se ben apostaba nas rebaixas de impostos.

"Temos a nosa propia senda marcada e tomamos as nosas decisións conforme ao que lles conveña aos galegos", asegurou. Os recortes tributarios na Galiza, tal e como informou Nós Diario, impiden que as arcas públicas recaden nove millóns de euros máis por semana.

Descentralizar os fondos europeos

Na súa intervención desta sexta feira, o presidente volveu criticar a execución dos fondos europeos por parte do Executivo estatal. "A día de hoxe está a espertar máis incertezas que seguridades", manifestou, após rexeitar a xestión "centralizada" dos mesmos que, ao seu xuízo, está a supor, entre outras cuestións, "a incapacidade recoñecida para facer chegar os fondos ás pemes".

Por iso, reclamou un "cambio de sistema absoluto" antes de falar da segunda fase destes fondos. "Que espabile o que ten que espabilar", engadiu sobre o Goberno. "Outra solución para xa é que se descentralicen os 'pertes'", indicou, sobre os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica.

Comentarios