Os impostos sobre as rendas baixas e medias na Galiza superan os do Estado

Alfonso Rueda comparece esta terza feira no Parlamento da Galiza para presentar as liñas mestras do orzamento de 2023. Un dos eixos centrais da súa proposta é reducir a presión fiscal ás grandes fortunas, duplicando a bonificación do imposto sobre o patrimonio. Unha rebaixa que se suma ás aprobadas nas últimas anualidades.
Alfonso Fernández Mañueco, Alfonso Rueda, Isabel Díaz Ayuso, Juan Manuel Moreno e Miguel Tellado nun acto do PP na fin de semana. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Fernández Mañueco, Alfonso Rueda, Isabel Díaz Ayuso, Juan Manuel Moreno e Miguel Tellado nun acto do PP na fin de semana. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciará esta terza feira no Parlamento as novas propostas en materia fiscal do seu Executivo. Unha delas, adiantada a pasada semana, propón  rebaixar a tributación en concepto de imposto sobre o patrimonio aos galegos e galegas coas rendas máis altas. Tanto é así que a medida impulsada polos populares só beneficia 7.000 persoas, cun patrimonio superior a 700.000 euros, sen contar a vivenda habitual até 300.000 euros, e a quen en conxunto supere os dous millóns de euros. Neste sentido, o Goberno galego estima unha rebaixa da recadación por este concepto de 34 millóns de euros.

A proposta formulada polo mandatario galego volve favorecer as rendas máis altas, na liña das políticas fiscais dos últimos anos. En 2022, a Xunta da Galiza deixou de recadar 496 millóns de euros en relación coa pasada anualidade, como consecuencia das rebaixas nos impostos aos tramos máis elevados de renda. Nesta dirección, un repaso aos tipos impositivos dos diferentes tributos, permite certificar a natureza das reducións promovidas polo Goberno galego.

O IRPF

O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) é un bo exemplo da orientación en materia fiscal da Xunta da Galiza. O referido tributo, canda o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), é o que máis achega ás arcas públicas, grava os beneficios xerados polo traballo ou a actividade económica ao longo de cada exercicio orzamentario.

Ao tempo, trátase dun imposto de competencia partillada, onde o Ministerio de Facenda fixa uns tipos aplicábeis para cada tramo a cumprir en todo o Estado, aos que se suman os determinados por cada un dos Gobernos autonómicos.

A Xunta gábase das diferentes rebaixas aplicadas ao tramo autonómico do IRPF na última década. Porén, as mesmas non chegan por igual aos diferentes niveis de renda. Segundo os datos ofrecidos por un estudo elaborado polo economista e colaborador de Nós Diario Joam Romero, os tramos de ingresos entre 20.000 e 26.999 euros tributaron na Galiza cun tipo de 14%, reducíndose en 2022 a 11,65%, o que significou unha baixada de 2,35% no IRPF. Porén, nese mesmo período a rebaixa para as rendas de 60.000 a 99.000 euros foi de 3,10%, dándose un incremento de 0,90% no tramo de renda de 27.700 a 35.199 euros.

O panorama da fiscalidade autonómica e foral 2022, elaborado polo servizo de estudos do Consello Xeral de Economistas, conclúe que a presión fiscal na Galiza é reducida para as rendas altas e elevada para as baixas e medias.

Así, tomando como contribuínte tipo para todo o Estado unha persoa solteira e sen fillos, con idade inferior a 65 anos e sen discapacidade nin ningunha outra circunstancia persoal que poida darlle dereito a dedución, sinala que un cidadán galego cunha renda de 20.000 euros debe achegar ao fisco en concepto de IRPF 2.470 euros, unha contía superior á media estatal e por riba do achegado polos residentes en Euskadi, Madrid, Canarias e A Rioxa.

A contribución media por IRPF dunha cidadá ou cidadán do Estado cunha renda de 45.000 euros é de 9.500 euros. Porén, na Galiza sitúase en 9.680 euros. Neste suposto, analizado polo servizo de estudos do Consello Xeral de Economistas, a presión fiscal dun cidadán galego é superior á dun vasco, dun madrileño, dun castelán-leonés, dun rioxano, dun murciano, dun canario, dun castelán-manchego, dun cántabro, dun andaluz e dun valenciano.

Así, só pagan máis que a poboación residente na Galiza aquelas persoas empadroadas en Catalunya, Illes Balears, Aragón, Estremadura e Nafarroa.

A grandes fortunas pagan menos

A situación é totalmente diferente cando se analizan os tributos a pagar por IRPF por aquelas persoas cuns ingresos de 600.000 euros. Neste caso, a achega media ás facendas dun residente no Estado español é de 270.000 euros, mais na Galiza redúcese a 258.000 euros. Nesa dirección só fan unha contribución inferior aos cidadáns galegos os madrileños, os castelán-manchegos e os castelán-leoneses.

Comentarios