Críticas tamén do PSdeG

Pontón: "Cada minuto que pasa e Feixoo non dimite é unha falta de respecto aos galegos"

González Formoso (PSdeG) comparte as críticas: "A cidadanía aspira a votar un presidente para catro anos e non para apenas un ano; é un engano electoral".
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG (Fotos: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG (Fotos: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu pedir esta quinta feira a dimisión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, tras anunciar a súa candidatura para presidir o Partido Popular. "Os problemas dos galegos e galegas non poden esperar a que se coloque en Madrid", asegurou.

Pontón expresouse así na presentación na Coruña da campaña da súa formación con motivo do Día da Muller, o 8 de marzo. A nacionalista defendeu que, logo de "deixar clara" Feixoo a súa elección entre a Galiza e o PP, "sendo a súa prioridade o PP", o presidente "ten que dimitir".

"Cada minuto que pasa e non dimite é unha falta de respecto aos galegos. E digo isto porque a Galiza non é a sala de espera do señor Feixoo nin das súas ambicións políticas", sinalou. Aínda que Pontón recoñeceu que esas ambicións son "lexítimas", insistiu en que "a Galiza non pode ter un presidente coa cabeza en Xénova e no Partido Popular, esperando a ver como se coloca en Xénova e en Madrid, porque o noso país non se pode permitir ter un presidente ausente".

Para a nacionalista, o país "non pode estar condicionado nin polos tempos de Feixoo nin polos do PP". "Se a súa elección é o PP, non entendemos por que non dimite xa como presidente da Xunta. A única razón é que poida ter medo a que non o acaben elixindo nese Congreso", engadiu.

Formoso: "Pasou do 'Galiza, Galiza, Galiza' ao 'PP, PP, PP'"

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou esta quinta feira que a decisión do presidente de Núñez Feixoo confirma o "engano" nas pasadas eleccións á cidadanía galega, que "deixa de ser prioridade" para o popular.

Nunha rolda de prensa ofrecida na sede do PSdeG en Compostela, o xefe de filas dos socialistas galegos lembrou que hai apenas un ano Feixoo presentouse aos comicios asegurando que a súa prioridade "era a Galiza" e cun lema que dicía "Galiza, Galiza, Galiza". "Hoxe a realidade é que opta polo Partido Popular, Partido Popular, Partido Popular", sostivo.

Na súa intervención, Formoso asegurou que a cidadanía "aspira a votar un presidente para catro anos e non para apenas un ano", o que definiu como un "engano electoral". Ademais, advertiu que "ningunha estratexia electoral de ningún partido debe de prevalecer". Neste senso, sostivo que a decisión do aínda líder do PPdeG provoca "un escenario complexo na Galiza", tendo en conta que "aflorarán incompatibilidades máis cedo que tarde".

González Formoso acusou Núñez Feixoo de "abocar a Galiza a unha situación de incompatibilidade" que nunca se deu, agás no caso de José María Aznar como presidente de Castela e León, cargo que no seu momento deixou "de forma inmediata". Estes exemplos, para Formoso, "evidencian a necesidade urxente de resolver" o escenario, unha responsabilidade que, segundo indicou, descansa exclusivamente en "quen xera esta situación e quen ten a capacidade de aplicar os mecanismos legais, estatuarios e institucionais para resolvela", que é o PPdeG.

Comentarios