Entrevista en RTVE

Ana Pontón: "Feixoo utilizou a corrupción para conseguir a súa gran ambición política"

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, acudiu na noite desta quinta feira a unha entrevista na canle 24h de Radio Televisión Española (RTVE), na que analizou a actualidade galega e internacional.
Intre da entrevista de RTVE á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: RTVE)
photo_camera Intre da entrevista de RTVE á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: RTVE)

"Feixoo deixa unha Galiza moito peor", así de contundente se mostrou a dirixente nacionalista sobre o seu paso pola Xunta, durante unha entrevista co presentador de RTVE Xabier Fortes.

Pontón, en relación a se no resto do Estado español existe a mesma imaxe do aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que na Galiza, afirmou que nestes primeiros días de campaña para converterse en presidente estatal do Partido Popular (PP), "xa se lle caiu ese verniz" de moderado e de "bo xestor".

Defendeu que aqueles que pensan que o popular "vai ter un proxecto estratéxico, que vai rexenerar a democracia" están equivocados, e pensa que a crise interna do PP e o papel xogado por Feixoo para acabar co liderato de Pablo Casado demostra o seu "nivel ético".

"Ante unha denuncia de corrupción, non pediu que se investigue, utilizou a corrupción como unha alfombra vermella para conseguir a súa gran ambición política, que era ser o máximo líder do PP", engadiu.

Feixoo, semellante a Ayuso

A portavoz nacional do BNG comparou a situación do PP á fronte da Xunta coa do PP á fronte do Goberno de Madrid. "O Partido Popular gañou durante décadas en Madrid, e iso non avala a xestión da señora Esperanza Aguirre nin da señora Isabel Díaz Ayuso".

Tamén sobre a presidenta madrileña, Pontón asegurou que "o señor Feixoo seméllase moito máis a Ayuso e a Aguirre do que el quere dicir", e exemplificouno coa privatización da sanidade galega, a inacción ante a crise industrial na Galiza, a política de ataque ao galego e con que Feixoo "comezou apoiando unha rede antiabortista".

"Temos un país peor, onde emigraron 200.000 mozos e mozos e onde temos un problema demográfico moi grave, onde hai un deterioro dos servizos públicos e especialmente da sanidade, e onde a xente nova non ten oportunidades", sentenciou.

A nacionalista afirmou que "o lóxico sería que o próximo presidente ou presidenta da Xunta o escollesen os galegos e galegas", pero que sabe que Feixoo non vai convocar eleccións porque "se as convoca agora, sabe que perdería e o BNG tería por primeira vez a presidencia" do Goberno galego.

Guerra en Ucraína

En canto á posición do BNG con respecto á guerra en Ucraína, a dirixente da segunda forza do Parlamento galego afirmou estar preocupada "por como está a sufrir a poboación ucraína, a primeira gran dagnificada". Tamén asegurou que a ofensiva militar rusa "non ten xustificación", mais matizou que "(UE e OTAN) non estaban tratando de frear canto antes a guerra".

"Pensamos que é fundamental que se poña a funcionar toda a presión diplomática para pór fin a un conflito que leva demasiado tempo e que se cobrou demasiadas vidas", detallou, "e que ten outro drama, que é o das persoas refuxiadas, que está tendo unhas consecuencias moi graves desde o punto de vista económico".

Preguntada pola postura do Bloque sobre o envío de armas á poboación civil ucraína, Pontón subliñou que os esforzos deben centrarse nas vías diplomáticas para pechar canto antes o conflito, xa que ao seu entender, o envío de armas só fai "alongar a guerra" entre o exército ruso e os civís. "Dixémolo desde o primeiro momento, non se debían enviar armas", engadiu.

"A solución vai vir máis polas vías diplomáticas, por buscar un acordo que sexa duradeiro, e non por alongar un conflito que pode ter consecuencias moito máis alá", concluíu.

"Nova traizón" ao pobo saharauí

Para Pontón, "é inexplicábel" o cambio de postura do Goberno de Pedro Sánchez en relación ao Sáhara Occidental, e "é unha nova traizón, non só ao pobo saharauí, senón que tamén ao dereito internacional".

"Ao Sáhara non se lle axudou con armas, axudóuselle coas vías diplomáticas e con acordos e resolucións que non se cumpriron", criticou.

A nacionalista centrouse tamén nas posíbeis consecuencias económicas que poden derivar desta decisión, "Acabamos de ver como Alxeria non está de acordo con esta postura, e iso ten unhas consecuencias moi graves desde o punto de vista do gas que chega ao Estado español".

Comentarios