Feixoo anuncia máis medidas coas anteriores sen aplicar

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta quinta feira dúas novas medidas do denominado 'Plan de choque autonómico' contra a crise. Unha dirixida ao sector gandeiro e outra ao da automoción. Estas accións súmanse ás dez que anunciara a semana pasada mais que aínda non se publicaron no Diario Oficial da Galiza (DOG) para poder ser aplicadas, como lle lembrou a oposición.
Alberto Núñez Feixoo presidindo o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira en Pontevedra (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo presidindo o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira en Pontevedra (Foto: Xunta da Galiza).

Alberto Núñez Feixoo, tanto como presidente da Xunta como candidato a liderar o PP español, mantén unha dura crítica ao Goberno do Estado pola súa xestión da crise, e faina tanto na súa comparecencia no Parlamento galego como nos mitins do Partido Popular ou nas súas comparecencias após o Consello da Xunta. "Non fai nada", dixo esta quinta feira na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego, para acusar o Executivo español de "tentar confundir dicindo que [a suba de prezos] é problema da guerra en Ucraína". Un "empeño absurdo", sinalou, "pensar que todo isto se debe á guerra".

No outro extremo fronte a esa actitude do Goberno español , o propio Feixoo sitúa o Goberno da Galiza, "das primeiras autonomías en tomar decisións" ante a crise, afirmou. Nese sentido, sinalou que a Xunta elaborou un "plan de choque" malia as "poucas competencias" que ten, engadiu.

Esta quinta feira, Feixoo anunciou dúas novas medidas. A primeira, dirixida ao sector gandeiro, pasa por destinar a este sector a nivel estatal as axudas de 64 millóns de euros ao Estado español remitidas pola Unión Europea. E engadirlles outros 64 millóns que poña o Goberno estatal e outros 64 millóns entre as comunidades autónomas. A segunda proposta anunciada por Feixoo foi para o sector do automóbil e pasa por destinar este ano outros dous millóns de euros adicionais ao plan Renove e favorecer que quen teña un vehículo de máis de 10 anos e queira cambialo reciba entre 3.000 e 4.000 euros de axuda.

Tras estes anuncios, Feixoo volveu lembrar as medidas aprobadas polo seu Executivo a semana pasada: bono social térmico, nova liña de avais do Igape ou axudas á frota galega para a exención de taxas portuarias durante dous meses. Esas actuacións non foron aínda publicadas no DOG e tampouco se executaron, malia a "urxencia" da situación, argumento que Feixoo emprega para instar a actuar sen demora ao Goberno español.

Impacto sanitario

A preguntas dos xornalistas, Feixoo recoñeceu que hai "preocupación" polo impacto que o paro de transporte poida ter nos subministros sanitarios. Se ben a día de hoxe, recoñeceu, a situación é de "normalidade", indicou que de se manterse o paro "pode haber problemas de prestación sanitaria" en determinados fármacos ou materiais.

O presidente anunciou após o Consello da Xunta que se está a impulsar un memorando da Alianza Galega polo Clima para convidar a se sumar os concellos. "A Galiza reduciu as súas emisións de CO2 en 35,9% desde os 90", afirmou. Unha baixada que se debe en boa medida, como lembra o ambientalismo, ao fechamento das térmicas.

Outro dos anuncios foi unha oferta de emprego público de 106 prazas de médico de medicina familiar e a través dun concurso de méritos para ter praza indefinida.

Feixoo insiste na permanencia de Ence en Pontevedra

Consello da Xunta en Pontevedra e o presidente galego volveu defender a continuidade da factoría na súa actual localización, en Lourizán, na ría pontevedresa. Preguntado polos xornalistas sobre que faría a Xunta se o Tribunal Supremo finalmente rexeita que a pasteira continúe en Lourizán, Feixoo dixo que iso implicaría que Pontevedra "fique sen a súa primeira industria, que 4.000 familias van ter dificultades para vender madeira e que o Porto de Marín perderá a metade da súa actividade".

Para Feixoo, estariamos ante un "impacto similar ao que ten na Mariña o fechamento das cubas de Alcoa". Porén, o presidente mostrou a súa esperanza de que poida volverse dar "o precedente de Murcia", onde o Tribunal Supremo confirmou a legalidade dunha prórroga concedida a unha vivenda no litoral murciano. Algo que Defensa da Ría (APDR) xa dixo que non era equiparábel: "unha é unha vivenda, a outra unha industria".

Núñez Feixoo anunciou esta quinta feira diversas actuacións en Pontevedra como 76 novas vivendas públicas no barrio de Valdecorvos ou o investimento de 14 millóns de euros para mobilidade e conexións, entre o que se contempla a creación de catro aparcamentos disuasorios ou a mellora de 98 paradas de bus.

Comentarios