O Parlamento rexeita o proxecto 'Galtren', o ente ferroviario galego

O PPdeG asegura que os galegos non deben pagar "o que corresponde ao Estado"
Estación tren Compostela
photo_camera Estación de tren de Compostela.

O Parlamento da Galiza rexeitou esta sexta feira, cos votos en contra dogrupo popular, a Proposición Non de Lei presentada polo grupo nacionalista na que instaba a Xunta a crear un servizo ferroviario de proximidade para o territorio galego, así como a creación dun ente ferroviario galego, o que denominaron Galtren, cuxa creación se debateu en 2010 pero que non chegou a concretarse.

O deputado Xosé Luís Bará sinalou que é "unha anomalía" a falta dun servizo de proximidade na Galiza, como si existe noutras comunidades autónomas do Estado. "Isto responde a pensar a Galiza en pequeno, como unha especie de Deputación, e non en grande, despregando o potencial e exercendo todas as competencias en materia de mobilidade", asegurou.

O nacionalista defendeu un modelo de ferrocarill pensado para o S.XXI e para a Galiza, baseado en tres premisas: que sexa sustentábel, que sexa un medio de conectividade seguro e rápido e que funcione como un elemento de vertebración e cohesión territorial.

"Un modelo que permita superar o defendido polo PP, radial, da AVE, que a quen beneficia é a Madrid, ao centro. Un modelo madricentrista", apuntou, para agregar que a prioridade dos galegos non é ir á capital e que un servizo de proximidade si sería "a auténtica intermodalidad, non construír estacións unha á beira da outra".

Ente ferroviario galego

Respecto da creación do ente ferroviario galego, o deputado lembrou que entre 2009 e 2010 xa se abordou esta iniciativa, e que mesmo chegou a licitarse o contrato en 2010, aínda que finalmente "quedou en nada". Os nacionalistas cren posíbel volver licitar este proxecto durante o primeiro semestre de 2022.

O grupo socialista, pola súa banda, mostrouse a favor da PNL do BNG, aínda que presentou unha emenda para seguir "primeiro que nada" o traspaso dos servizos ferroviarios á Galiza co obxectivo de "reforzar o ferrocarril como medio de transporte sustentable". Ademais, afeou ao Goberno autonómico "non apostar pola proximidade e botar balóns fóra" en canto a esta problemática.

Rede ferroviaria

Os populares, con todo, lamentaron na súa intervención o "desmantelamento" do transporte por tren na Galiza coa escusa da pandemia da Covid. "No canto de pedir acabar con iso, piden que a Xunta faga o que o Goberno de España non quere facer", asegurou o popular José M. Balseiro.

Consideran que debe ser o Executivo estatal o que se faga cargo de "acometer as obras necesarias" para dotar de competitividade a rede ferroviaria galega, "asumindo os gastos o Estado" e "non só os galegos".

O popular cualificou a rede galega de "desastrosa e deficiente" e instou ao Goberno central e a Renfe a restablecer todos os servizos anteriores á pandemia e "ampliar" o número de frecuencias e servizos que permitan atender a mobilidade interior de Galicia.

Finalmente, após rexeitar as emendas presentadas, a iniciativa foi rexeitada con 41 votos en contra, 31 a favor e unha abstención.

Comentarios