Rego denuncia o “empeoramento” dos servizos ferroviarios na Galiza coa chegada do AVE

BNG demanda restabelecer as liñas e frecuencias que existían antes da pandemia e urxe o abaratamento das tarifas do tren Avant

O avance do AVE foi ligado á progresiva desaparición do ferrocarril de proximidade (Foto: EP).
photo_camera O tren AVE que viaxou até Ourense. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso co obxectivo de que o Ministerio de Transportes “rectifique” a súa decisión “de reducir e empeorar os horarios propostos por Renfe para a liña Avant que une A Coruña-Santiago-Ourense”.

A formación nacionalista reclama recuperar e incrementar as frecuencias ofertadas antes da pandemia e o abaratamento dos billetes para aumentar o número de persoas usuarias, así como doutras liñas que foron suprimidas, como Lugo-Santiago ou implantar o servizo de proximidade nas cidades e áreas urbanas.

“Non pode ser que o comezo do funcionamento do AVE Ourense-Madrid no próximo 21 de decembro implique empeorar os servizos ferroviarios interiores do noso país. Hai persoas que terán que ir puntualmente a Madrid, mais son infinitamente máis as que teñen que se mover todos os días nos desprazamentos obrigados por razóns laborais ou de estudos, polo que é imprescindíbel ampliar frecuencias, adecuar horarios e baixar os prezos”, sinala o deputado do BNG.

Non pode ser que o comezo do funcionamento do AVE Ourense-Madrid no próximo 21 de decembro implique empeorar os servizos ferroviarios interiores do noso país

Rego mesmo acrecenta que a estratexia de Renfe “está a ser a contraria, mudando os horarios e frecuencias das liñas procedentes da Coruña que pasa por Santiago – como o que chega a Ourense ás 8.38 horas e que empregan as persoas que se trasladan por motivos laborais ou de estudo- e cos novos horarios terán que apañar o tren que os deixa ás 7 da mañá, cunha hora de espera no destino”.

Modificacións de horarios

Denuncia que a modificación horaria non supón o incremento das frecuencias ou a mellora dos servizos,  tal e como reclaman as e os viaxeiros habituais e como exixiu no seu día o Parlamento da Galiza”, senón que “implica un grave prexuízo para as persoas usuarias”.

“Débese incrementar o número de viaxes entre as principais cidades da Galiza, así como recuperar a conexión- por exemplo-  que sae de Santiago entre as 7 e as 7.30 horas e viceversa para garantir a cobertura dos necesarios desprazamentos entre ambas as dúas cidades” reivindica Rego.

Nese sentido, apunta, é fundamental recuperar o tren das 6:45 horas Ourense-A Coruña que empregaban moitas persoas funcionarias e traballadoras que ían a Coruña e/ou Santiago para entrar a traballar ás 8 horas da mañá, ou de volta de Santiago a Ourense das 15:30 da tarde das sextas feiras

Tras o anuncio da posta en marcha do AVE, Renfe ofertou billetes de tren entre Madrid e Ourense a 15 euros. “Unha viaxe de case 500 quilómetros en contraposición aos 100 quilómetros existentes entre Ourense e Santiago que custa 17.70 euros. Un prezo abusivo que non fomenta o uso do transporte colectivo e que se acha entre as tarifas máis caras do Estado” denuncia Rego.

Comentarios