Núñez Feixoo pon punto e final sen autocrítica a 13 anos de Goberno

Alberto Núñez Feixoo compareceu onte como presidente en funcións para dar conta dos acordos do Goberno galego, tamén en funcións, e despedirse definitivamente do cargo despois de 13 anos. Unha etapa, dixo a preguntas dos xornalistas, da que se sinte "orgulloso" e da que non fixo autocrítica.
Núñez Feixoo compareceu para dar conta do derradeiro Consello da Xunta que presidiu. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Núñez Feixoo compareceu para dar conta do derradeiro Consello da Xunta que presidiu. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Os trece anos de Gobernos de Núñez Feixoo deixaron fotografías comprometedoras (co narcotraficante Marcial Dorado, por exemplo), decisións controvertidas (Pemex, DomusVi), e políticas moi contestadas socialmente (sanidade, ensino, lingua...). Mais o aínda presidente da Xunta, agora en funcións, non ve motivos de autocrítica para a súa etapa á fronte da Xunta.

Núñez Feixoo despediuse definitivamente esta quinta feira da Presidencia, pondo punto e final a 13 anos de goberno e 600 comparecencias após os Consellos da Xunta. A prensa preguntoulle polo mellor e peor desta etapa á que puxo o ramo na quinta feira.

No seu 'debe', o aínda presidente limitouse a situar os erros e "equivocacións" que puido ter por, dixo, "non ter a cintura axeitada" ou ter información que non era a adecuada.

Motivos de orgullo

Máis prolixo foi Núñez Feixoo ao falar do seu 'haber'. Aí anotou deixar unha Galiza que é "a sociedade menos fracturada de todas as autonomías con nacionalismo". E mesmo dixo sentirse "orgulloso" dos datos que deixa en sanidade e educación, dous sectores nos que tanto oposición como colectivos e plataformas sociais teñen sido moi críticos con Feixoo, ao que responsabilizan de que nestes anos fechase un de cada 10 centros públicos de ensino ou de que haxa mil profesionais menos en Atención Primaria ou 25% menos de pediatras.

"Estou orgulloso de deixar un país fiábel e solvente" no económico, concluíu, ao tempo que afirmaba que na nova etapa que comeza en Madrid non vai "defraudar os galegos" pois, "non o fixen até o de agora", o que lle valeu "ter catro maiorías absolutas". Preguntado tamén por se haberá membros do Goberno que continuarán con Alfonso Rueda dixo que será o novo presidente quen decida.

Formación laboral e combate á obesidade

A lei estabelece que o Goberno en funcións debe limitar a súa xestión ao despacho de asuntos ordinarios, evitando adoptar medidas que condicionen aquelas que deba definir o Executivo que o substitúa. O propio Feixoo encargouse de aclarar que todos os temas aprobados no Consello desta quinta feira "teñen o visto e prace da asesoría xurídica".

Entre os temas abordados estivo o investimento de 50 millóns de euros para a formación de 12.000 persoas desempregadas a través de 1.200 cursos. Os cursos están dirixidos a colectivos como o das persoas que se atopen en situación de ERTE ou cidadáns con discapacidade física, psíquica ou sensorial. No caso de que as prazas queden sen cubrir será posíbel que participen nestes cursos persoas traballadoras ocupadas.

Tamén avanzou na rolda de prensa que a Xunta está a elaborar o Plan de Obesidade Zero na Galiza 2022-2025 para fomentar hábitos saudábeis. Un proxecto que, sinalou Feixoo, ten como obxectivo reducir para 2030 en 15% a porcentaxe de persoas con sobrepeso. Outras cuestións abordadas no derradeiro Consello da Xunta de Núñez Feixoo foi unha iniciativa para facilitar o retorno de xente moza emigrada.

A Xunta aproba o novo plan contra os lumes

O Consello da Xunta puxo en marcha o Plan de prevención de incendios que, dotado con máis de 33 millóns de euros, actuará en máis de 58.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas; ademais de levar a cabo a construción de máis de 110 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Entre os obxectivos do plan Feixoo salientou "limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais".

Comentarios