A etapa Feixoo en cinco imaxes

Nós Diario analizou en cinco artigos as cinco imaxes máis significativas dos 13 anos de goberno de Alberto Núñez Feixoo. Examinouse polo miúdo a súa proposta enerxética, o particular código ético que empregaba, o programa que tiña para o medio rural, a súa alternativa industrial e as políticas que practicaba nas residencias de maiores.

As cinco imaxes de Alberto Núñez Feixoo nestes trece anos de goberno na Xunta (Foto: Nós Diario).
photo_camera As cinco imaxes de Alberto Núñez Feixoo nestes trece anos de goberno na Xunta (Foto: Nós Diario).

Moitas foron as imaxes que nos deixou Alberto Núñez Feixoo nestes 13 anos que como presidente do Goberno galego. Nós Diario escolleu cinco moi significativas que explican as medidas e as actuacións do até agora líder do PPdeG.

A proposta enerxética

A primeira imaxe tivo lugar cando tomaba posesión como presidente da Xunta, o 18 de abril de 2009. Ese día as cámaras captaron o abrazo do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán a Feixoo que explicaría o cambio de traxectoria do modelo eólico na Galiza en relación ao que viña de aprobar o Goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas.

Abrazo entre Feixoo e Sanchez Galán (Foto: Nós Diario).
Abrazo entre Feixoo e Sanchez Galán (Foto: Óscar Corral).

A proposta, daquela, defendía que unha porcentaxe dos complexos eólicos fosen de titularidade pública, estivesen asociados a proxectos industriais estratéxicos para o país, por exemplo ao grupo lácteo galego; e a súa localización cumprise con criterios de sustentabilidade ambiental e patrimonial.

O PP, desde a súa volta ao Goberno galego, foi o executor político da táctica definida polas grandes compañías de xeración eléctrica con intereses na Galiza. O novo mandatario galego, que fixo da derrogación do concurso eólico do bipartito un cabalo de batalla na súa campaña electoral, non tardou en cumprir a promesa, malia significar un duro golpe para as cooperativas agrarias, o sector conserveiro e a propia Xunta da Galiza, propietaria de 14% de 2.300 megawatts adxudicados polo bipartito.

Ademais, nos anos de Goberno, Feixoo foi moi criticado polo movemento ecoloxista en relación ao proxecto de Lei de áreas empresariais co obxectivo de dar “prioridade na tramitación” a aqueles “parques eólicos” que “destinen 50% da enerxía que produzan á industria”.

Alén diso, a oposición cualificou de paradigmáticas as popularmente denominadas como “leis de depredación”, a primeira delas tramitada en 2017 e a segunda en 2021. As conexións entre o PP e as compañías enerxéticas están en cuestión. Nesta dirección, o abrazo do presidente galego e Sánchez Galán é un síntoma dunha relación marcada polas portas xiratorias entre estas empresas eléctricas e significados dirixentes populares.

O particular código ético de Núñez Feixoo

A segunda imaxe saíu á luz o 31 de marzo de 2013. Daquela, os  vían a luz pública unhas fotografías que revolveron a política galega. As imaxes amosaban a Alberto Núñez Feixoo partillando vacacións co narcotraficante Marcial Dorado. As instantáneas tomáranse cando este último xa fora procesado no marco da chamada 'Operación Nécora'.

Feixoo con Dorado (Foto: El País).
Feixoo con Dorado (Foto: El País).

O procedemento, promovido polo maxistrado Baltasar Garzón e o fiscal Javier Zaragoza arrancou o 12 de xuño de 1990 con 350 axentes do Servizo Central de Estupefacientes traslados á Galiza e a detención de máis dun cento de persoas relacionadas co negocio da droga na comarca do Salnés. O 6 de setembro dese mesmo ano Zaragoza formulou cargos contra 49 das persoas en prisión, entre eles Manuel Charlín Gama, Sito Miñanco, Laureano Oubiña e Marcial Dorado.

Anos antes, en xuño de 1984, outro líder do PPdeG, Gerardo Fernández Albor, mativo mentres era presidente da Xunta unha xuntanza en Portugal cun grupo de narcotraficantes galegos agochados en Viana do Castelo.

As fotos que mostraban a relación de Feixoo con Dorado foran tomadas entre 1995 e 1998, cando o até agora presidente da Xunta da Galiza pasou varias temporadas no piso do narcotraficante en Baiona e partillou viaxes de pracer a diversos puntos do Estado, de Andorra e de Portugal.

A primeira declaración de Feixoo diante das imaxes aparecidas no diario español foi negar que no momento de ser tomadas coñécese os negocios ilícitos aos que se dedicaba Dorado. Sobre esta idea, sustentou a súa defensa até hoxe, chegando a afirmar a El País que “coñecía esa persoa, non coñecía a súa actividade relacionada co narcotráfico e cando tiven algunha sospeita, en 1998 e 1999, non volvín ter ningún tipo de relación con el”.

As outras explicacións do presidente galego xeraron aínda máis dúbidas sobre a relación con Dorado, unha vez que se confirmou que as empresas do narcotraficante contrataran coa Consellaría de Sanidade cando Feixoo era o seu número dous.

O programa de Feixoo para o medio rural

O fenómeno incendiario de 2006 foi a expresión da política de abandono do medio rural galego e duns deseños forestais ao servizo dos grandes poderes económicos beneficiados polo monocultivo do eucalipto. Mentres a Xunta da Galiza se empeñaba en facer fronte ao lume, o entón xefe da oposición, Alberto Núñez Feixoo, desembarcaba en camisa, vaqueiros e zapatos náuticos para sacarse unha foto cunha mangueira de uso doméstico en Meis.

Feixoo coa mangueira nun lume forestal (Foto: Nós Diario).
Feixoo coa mangueira nun lume forestal (Foto: Nós Diario).

As conclusións extraídas por Núñez Feixoo das diversas vagas de incendios foi incidir nas políticas que provocaron os lumes. Así, 20% da superficie total da Galiza está ocupada por eucaliptos, superando de longo as plantacións as 245.000 hectáreas fixadas como máximo para 2023 no Plan Forestal Galego de 1992.

Segundo os datos ofrecidos desde a plataforma 'Por un monte galego con futuro', “a falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego, xa hai voces autorizadas alertando de que esta especie exótica invasora pode ocupar perto das 600.000 hectáreas na Galiza”.

Alén diso, o agora expresidente da Xunta deixou un país con 4.000 núcleos de poboación abandonados e que perdeu 102.000 habitantes en 10 anos, a maior parte deles naqueles zonas de tradicional especialización agraria. Precisamente, nestas áreas asístese a unha progresiva redución de servizos públicos, fechándose durante a etapa de Feixoo á fronte da Xunta 110 escolas unitarias e recortándose de xeito moi considerábel a atención médica. Tanto é así que 192 concellos, todos eles parte da denominada Galiza rural, carecen de servizo de pediatría.

A maiores, a superficie agraria útil (SAU) non deixou de diminuír nas últimas décadas. Así, a última enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), indica que a SAU da Galiza é inferior a 21%, fronte a 47% de media do Estado español e 40% dos territorios da Unión Europea. Estes datos explican que  entre 2010 e 2020 fecharan 15.986 explotacións gandeiras na Galiza, ficando nesa última anualidade 29.282 explotacións fronte a 45.268 activas dez anos antes.

A alternativa industrial de Núñez Feixoo

A cuarta imaxe mostra as estreitas relacións entre Emilio Lozoya Austín, presidente do monopolio estatal mexicano dos hidrocarburos, Petróleos de México (PEMEX) entre 2012 e 2016,  con Feixoo. Este executivo foi detido por corrupción e a Fiscalía Xeral da República de México solicita para el 39 anos de cárcere, acusado de asociación delituosa, lavado de diñeiro e suborno. Lozoya está considerado como a peza chave no aparato de corrupción do anterior presidente mexicano, Peña Nieto.

Feixoo co máximo responsábel de Pemex (Foto: Nós Diario).
Feixoo co máximo responsábel de Pemex (Foto: Nós Diario).

Unha das causas polas que está sendo investigado Lozoya é a compra do estaleiro de Barreras por Pemex. Sen ir máis lonxe, o 9 de febreiro de 2022, o actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, referiuse a esta venda sinalando que os estaleiros vigueses "estaban en bancarrota e practicamente fechados e durante unha visita decidiuse rescatalos, comprando o 51%".

"Como non chegaba ese diñeiro", continuou Romero, "encargáronse uns barcos, chámaselles floteis, [...] e cando se remataron de construír resultou que Pemex non os necesitaba. Encargáraselles nada máis que para dar negocio e viabilidade aos estaleiros, polo que se decidiu vendelos. O curioso é que cando estes barcos se ofreceron no mercado ninguén quería pagar máis que a metade do que custou construílos".

O Goberno e a prensa mexicana cuestiona o papel da Xunta da Galiza nesta operación. A este respecto, o 17 de febreiro de 2020, o prestixioso xornal El Universal destacou que "o exdirector de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción. Eles protexían a  Lozoya na Costa do Sol española". A venta de Barreras a Pemex negociada pola Xunta da Galiza rematou en fracaso.

Neste sentido, a situación de Barreras non é un feito illado no sector naval da comarca de Vigo, que sofre nos últimos tempos unha crise descoñecida. Ademais, o complexo industrial é un dos máis golpeados polo programa económico do Goberno de Feixoo. Así, entre 2008 e 2021 o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse en perto de 8%, mentres o sector manufactureiro alemán incrementou o seu valor engadido bruto en 29%. Ao tempo, a Galiza perdeu nos últimos 14 anos 33.555 empregos no sector industrial, pasando de 154.860 ocupados en decembro de 2008 a 121.305 na actualidade. Neste sentido, a profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval sinala a Nós Diario que "a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008".

As políticas de residencias de maiores

A pandemia deixou ao descuberto as debilidades do sistema galego de benestar. Un modelo baseado na xestión privada da atención ás persoas maiores e dirixido aos grandes operadores do negocio da dependencia. Precisamente, as residencias dirixidas por estas compañías concentraron o maior número de mortes por coronavirus.

Feixoo entregándolle a medalla de Ouro a Josefina Fernández Miguélez (Foto: Nós Diario).
Feixoo entregándolle a medalla de Ouro a Josefina Fernández Miguélez (Foto: Nós Diario).

Nesta circunstancia entre a quinta imaxe destes anos de gobeno de Alberto Núñez Feixoo: a de entrega da Medalla de Ouro do Circulo de Empresarios da Galiza a Josefina Fernández Miguélez, até setembro de 2021 conselleira delgada de DomusVi. A súa historia como directiva empresarial non se explica sen as concesións e concertos das Administracións públicas, significándose pola súa proximidade persoal e política a diversos dirixentes do Partido Popular. DomusVi é o principal grupo empresarial de centros de maiores da Galiza e do Estado.

Os seus principais accionistas son o fondo de investimentos británico Intermediate Capital Group e o magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel, ficando acreditada a presenza do grupo en diferentes paraísos fiscais.

As residencias de DomusVi concentraron o maior número de decesos por coronavirus durante a pandemia nese tipo de centros. Os diferentes estudos elaborados por entidades privadas do ámbito da dependencia e, tamén, polas Administracións públicas sinalan que a mortalidade foi máis elevada nos centros de maiores de xestión privada que nos públicos.

Sen ir máis lonxe, unha investigación elaborada pola Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Compostela para a Xunta da Galiza, con datos a 30 de xuño de 2021, indica que “a taxa de incidencia da Covid foi superior de forma significativa nos centros con titularidade privada en comparación cos centros de titularidade pública”.

Entre as causas disto, segundo o Consello de Contas e atendendo a información dos servizos de inspección da Consellaría de Política Social, denunciou en 2017 que “o número de persoas de atención directa que traballaban ese día [no da inspección] no centro non cumpre coa ratio mínima de 0,35 por usuario estabelecida” ou que “en 14 actas constan incumprimentos sobre o cadro de persoal ofertado, o que nalgúns supostos implica un incumprimento da ratio mínima de persoal de atención directa”.

Nesta situación, o PP tense negado a asumir as demandas das forzas da oposición e das asociacións de familiares de usuarios de residencias que esixen un cambio de rumbo. Nesa dirección, os deputados populares defenderon a Josefina Fernández Miguélez durante a súa compracencia no Parlamento da Galiza en novembro de 2020, cando se negou a asumir responsabilidades polas mortes nas súas residencias.

Comentarios