"Quédanme horas de presidente"

Feixoo despídese responsabilizando o Goberno español de non lograr ningún traspaso para a Galiza en 13 anos

"Quédanme unhas horas como presidente", dixo Alberto Núñez Feixoo na súa comparecencia após presidir o seu derradeiro Consello da Xunta. Unha dimisión que todo apunta a que se materializará na sexta feira e que abre as portas a enfilar a recta final da sucesión que leve a Alfonso Rueda á Presidencia. 
feixoo alvaro ballesteroz europa press-min
photo_camera Núñez Feixoo fixeron a foto de familia nos xardíns de San Caetano, antes do seu derradeiro Consello como presidente (Foto. Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Alberto Núñez Feixoo presidiu o seu derradeiro Consello da Xunta como presidente da Galiza. Dimitirá na sexta feira, segundo se desprende da súa afirmación após dirixir a súa última reunión do Goberno galego. "Quédanme unhas horas como presidente", dixo, e negouse a concretar máis alegando "respecto" ao Parlamento, ao primeiro que notificará a dimisión para despois, acrecentou, "trasladarlla aos cidadáns".

Feixoo, a preguntas de Nós Diario, recoñeceu na súa comparecencia que durante estes catro mandatos non sumara nin un só traspaso de competencias a Galiza. Mais depositou toda a responsabilidade desa seca de transferencias no Goberno español. "Temos un elenco de competencias pendentes que non son atendidas [polo Goberno español] e a resposta que temos son recursos de inconstitucionalidade por leis e normas que aprobamos no Parlamento, argumentou. Neste sentido, sinalou que o traspaso da AP-9, "que pedín moitas veces" e que "figuraba no acordo" do BNG para investir Pedro Sánchez, segue sen materializarse.

Ningunha

Porén, e malia intentar responsabilizar o Goberno español desta ausencia de traspasos, o aínda presidente da Xunta, non negociou o traspaso de ningunha competencia nos seus 13 anos á fronte do Goberno galego. Mesmo prescindiu de continuar a tramitación daquelas acordadas en 2008 pola Xunta e o Goberno estatal referidas a Inspección de Traballo, á titularidade patrimonial dos bens da Tesourería da Seguridade Social ou aos centros de investigación do Estado con sede na Galiza.

Tamén a preguntas de xornalistas, Feixoo mostrouse contrario a que o novo Goberno galego responda a un reparto por 'baronías'. "Eses acordos non existen desde hai moito tempo", asegurou, para engadir que hai un partido "de ámbito territorial, autonómico", e o Goberno debe, ao seu xuízo, moverse "por criterios" que respondan ao conxunto da Galiza. Porén, o propio proceso de escolla de Rueda como sucesor —após reunións coas baronías— indica que o poder provincial recuperou peso no PP galego.

Acordos

O derradeiro Consello de Feixoo aprobou a primeira Lei de áreas empresariais da Galiza, "unha norma pioneira a nivel estatal", dixo, para simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo para as empresas.

Tamén avanzou un investimento de por volta de 120 millóns de euros en proxectos clave para Santiago como as ampliacións do CHUS e da sede administrativa do Goberno galego.

O Consello tamén aprobou o Plan de seguridade viaria 202-25, que marca como un dos obxectivos a redución do 25 % do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías. O Goberno declarou dúas novas iniciativas empresariais prioritarias, dúas plantas de metanol e de biometano, unha en Mugardos e outra na Laracha. A reunión do Goberno acordou tamén nomear Embaixador do Camiño ao xornalista da COPE Carlos Herrera.

Comentarios