Feixoo despídese no Parlamento: "Aquí fun feliz"

Alberto Núñez Feixoo despediuse hoxe do Parlamento galego após 16 anos —tres como líder da oposición e 13 á fronte da Xunta da Galiza— e ratificou que esta semana presentará a súa dimisión como presidente. Anunciouno na súa "derradeira" sesión de control, onde o BNG e PSdeG cuestionaron o seu legado.
Alberto Núñez Feixoo e Ana Pontón despedíndose após a "derradeira" sesión de control do aínda presidente galego. (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Ana Pontón despedíndose após a "derradeira" sesión de control do aínda presidente galego. (Foto: Arxina)

"Esta non será a miña última sesión de control, será a derradeira", dixo Alberto Núñez Feixoo hoxe no Parlamento, na súa quenda de réplica á portavoz do BNG Ana Pontón, quen lle desexou sorte "no persoal, mais pode entender que non no político". Feixoo, que ratificou que dimitirá como presidente esta semana,anunciaba así a súa despedida do Parlamento. 

Até entón, a sesión de control —e a pesar de que era un segredo a voces que era a derradeira de Feixoo— decorría no marco na que se desenvolvía nestes anos, co BNG e o PSdeG fiscalizando o labor do Goberno galego e o presidente, en non poucas ocasións, facendo de oposición da oposición. A propia Ana Pontón recriminoulle esta cuarta feira no debate que "até na súa última sesión de control exerce como líder do PP e non como presidente da Galiza".

Mais no tramo final, o discurso de Núñez Feixoo cambiou. Apenas uns segundos despois de cargar contra o BNG por ir a mítins de Bildu e Esquerra", Feixoo vestiu o traxe institucional e quixo agradecer o compromiso dos deputados cos que compartiu Parlamento nestes anos así como expresou o seu "respecto" polos "17 portavoces " do BNG e PSdeG cos que debatíu, citando especialmente a Francisco Jorquera, Fernández Leiceaga e Méndez Romeu.

Tamén agradeceu "o apoio dos galegos", proclamou o seu "orgullo da miña condición de galego" e asegurou que "defenderei a Terra Nai" alí onde estea. "Desde estas bancadas", concluíu, "fun feliz".

O grupo parlamentar do PP púxose en pé para aplaudir e os portavoces do BNG e PSdeG achegáronse até o escano do aínda presidente para despedirse.

"Escaqueo feixoniano"

Antes dese momento, o BNG e o PSdeG preguntaron ao "presidente interino", como o cualificou Luís Álvarez, portavoz do PSdeG, sobre as medidas do Goberno ante a crise de prezos e en materia fiscal.

Pontón lamentou que "en plena crise" Núñez Feixoo "pase máis tempo en Madrid", situando este comportamento na liña, dixo, do que foi habitual nestes 13 anos, dun Executivo cuxos principais intereses non eran a defensa da Galiza. "Deixa unha Galiza peor da que atopou", recriminoulle a portavoz nacionalista, ao tempo que cualificaba o PP como "partido do pasado" onde "o primeiro en deixar o barco é vostede".

Ana Pontón aproveitou a despedida de Feixoo para afirmar que na Galiza "hai fame de cambio" e que o BNG aspira a lideralo. Tamén aproveitou para acuñar un novo termo político, o "escaqueo feixoniano", co que definiu a tendencia do presidente a non responder as preguntas da oposición e dedicarse el a "controlar" o BNG e PSdeG, aos que esta cuarta feira volveu acusar de ter responsabilidades na crise actual; aos socialistas por gobernar no Estado e aos nacionalistas, dixo, por "apoialos".

"Fan menos con máis"

Luis Álvarez centrou a súa intervención en facer un repaso pola situación actual en sanidade, ensino, política social ou economía para comparala coa de 2009, cando Feixoo chegou a presidente. O balance do portavoz do PSdeG foi negativo e acusou Núñez Feixoo de "andar por España dando leccións" cando  a súa xestión na Galiza non recomenda ese comportamento. "Ven aquí en tempo de desconto a presentarse como un xestor inmaculado", reprochoulle.

As críticas non semellaron facer efecto no aínda presidente. Esta semana dimite, probabelmente anunciaráo esta sexta feira, e activará o proceso da súa substitución no ámbito institucional, que finalizará coa investidura e toma de posesión do seu sucesor, o actual vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda. E el, Núñez Feixoo irá definitivamente para Madrid.

Comentarios