'Nós Diario' toma o pulso da afiliación presente no encontro

A militancia do BNG “ilusionada” na XVII Asemblea Nacional

Milleiros de militantes e simpatizantes do Bloque Nacionalista Galego desprazáronse este domingo até A Coruña para acudir á XVII Asemblea Nacional da formación política.

photo_camera Ringleiras de militantes para acreditarse para participar na Asemblea Nacional Foto: Nós Diario

Uns 3.000 militantes confirmaran a súa asistencia a unha cita “clave” para o nacionalismo galego, en palabras do partido e da militancia que comezou a chegar ao Coliseum da Coruña desde a primeira hora da mañá.

.

Ringleiras nas acreditacións da asemblea

As mesas de acreditación abrían as súas portas as 9.00 horas, mais o bulicio de persoas e vehículos comezara unha media hora antes. Os voluntarios do BNG afanáronse en ordenar e distribuír aos primeiros asistentes que chegaban para acceder ao recinto.

Neses primeiros momentos primou a tranquilidade e o bo comportamento das achegadas. A situación de pandemia, aínda presente na Galiza, fixo que en todo momento se gardasen as distancias de prevención entre todos os grupos de persoas que alí se reunían.

En canto ás sensacións perante a Asemblea Nacional, o sentir xeralizado da militancia era o da “ilusión dun novo tempo político que se abre no BNG”. Chegados de todas as comarcas da Galiza, viven o encontro como “un paso clave” para derrotar a Feixóo e ocupar a presidencia da Xunta no 2024. “Nós viñemos desde Lugo, foron moitos quilómetros pero a ocasión meréceo”, manifestou un grupo de simpatizantes durante o proceso de acreditación.

A primeira asemblea de moitos

Para moitas das asistentes non é a primeira Asemblea Nacional a que acoden. Non en tanto, para outras moitas si é a primeira ocasión na que participan nunha das citas fundamentais do principal partido da oposición na Galiza. Para todas elas, esta Asemblea Nacional supón “renovar a ilusión no nacionalismo galego”.

Esa ilusión ten un nome propio, Ana Pontón. “Cando dixo que se ía tomar un tempo de reflexión, preocupoume que non seguise a liderar o partido”, recoñeceu un militante de Pontevedra, “polo que foi un alivio saber que seguirá a ser a nosa capitá”.

No interior do Coliseum, a militancia foi ocupando as cadeiras colocadas fronte ao estrado principal. A medida que pasaban os minutos, o espazo principal foise enchendo de persoas e de son. Todo ese clamor converxeu co discurso de apertura da portavoz nacional, cargado de sentimento e cun recordo inicial para algúns dos históricos do BNG que faleceron durante a pandemia.

Pontón tamén tivo unha mención para Bautista Álvarez, finado en 2017, pero que para a dirixente nacionalista “os seus ecos seguen presentes hoxe en día na nosa memoria”.

Comentarios