Os nacionalistas prepáranse para un cambio de ciclo

3.000 militantes participarán na Asemblea Nacional do BNG

O Coliseum da Coruña acolle na xornada de hoxe a XVII Asemblea Nacional do BNG onde esta prevista a participación de 3.000 militantes. O conclave será aberto cunha intervención de Ana Pontón.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón: (Foto: BNG).
photo_camera Sesión de claúsura da pasada asemblea nacional do BNG. Europa Press

A XVII Asemblea Nacional ten unha significación especial para a militancia do BNG. A mesma celébrase após catros anos e cun considerábel retraso como consecuencia da pandemia, polo que vai actuar máis que nunca para a afiliación da organización como un lugar de encontro. Ao tempo, a paz interna que vive a formación vai favorecer un ambiente de convivencia e camaradaxe entre os preto de 3.000 asistentes previstos para o domingo 7 de novembro no Coliseum da Coruña.

Precisamente, desde a dirección da formación destacan o esforzo organizativo do conclave e o carácter do BNG como “unha comunidade humana que debemos coidar”. Neste sentido, agárdase unha lembranza para toda a militancia falecida desde anterior asemblea, cun recordo particular para o fundador do BNG, Bautista, Álvarez quen por primeira vez non acude a un encontro deste tipo desde a creación da organización.

Ampliar a base da formación convertese no primeiro reto dos nacionalistas para o seguinte período

As teses a debate dan por feito que o BNG enfronta un cambio de ciclo. Nesta dirección, o informe de xestión que o Consello Nacional somete a consideración da asemblea  sinala que “ninguén cuestiona que nos últimos catro anos o nacionalismo galego se sitúa nunha situación política cualitativamente diferente” e dá por rematada “unha fase complexa e difícil para o nacionalismo, de case unha década, que foi posíbel superar con moito empeño e en condicións ben adversas coa iniciativa política e de análise, capacidade de mobilización, entrega militante, unidade, cohesión e coherencia que demostrou colectivamente esta extraordinaria organización que é o BNG”.

Ampliar a base do BNG

A dirección entende que a organización chega a esta asemblea cos deberes feitos e aposta por un salto adiante que permita ao BNG avanzar electoral e socialmente, situándose en condicións de acadar a presidencia do Goberno galego nos vindeiros comicios.

Así as cousas, ampliar a base da formación convertese no primeiro reto dos nacionalistas para o seguinte período, após catro anos onde ten incrementado de modo considerábel a súa afiliación, adherido un número importante de mozos e chegado a novas localidades. A este respecto, as vindeiras eleccións locais son analizadas pola dirección do BNG como o primeiro test para probar a capacidade política da organización.

O Consello Nacional saínte ten integrado na tese oficial o groso das emendas procedentes das comarcas porén agárdase un debate vivo no plenario. Neste sentido, o debate do informe de xestión e dos relatorios na súa totalidade van ser os dous momentos máis intensos.

Comentarios