O BNG aspira a “facer historia cunha presidencia nacionalista” na Galiza

Pontón chama a “liderar o Goberno da Galiza en 2024” na apertura da asemblea do BNG

 

Ana Pontón aproveitou a sesión de apertura da asemblea nacional do BNG para fixar os obxectivos da organización para o vindeiro ciclo político. Neste sentido, afirmou que “o gran obxectivo que temos por diante e liderar o Goberno de Galiza en 2024 e facer historia cunha presidencia nacionalista”.

photo_camera Ana Pontón dirixíndose aos asistentes á sesión de apertura da Asemblea Nacional do BNG. @obloque

A voceira nacional do BNG debullou na súa intervención o percorrido do BNG desde a anterior asemblea e analizou as chaves do avance social e electoral da organización nestes últimos catro anos.

Un novo ciclo político

“Con esta asemblea estamos fechando un ciclo, o que nos levou desde a resistencia e a recomposición da organización á remontada. Aquí estamos, co maior número de escanos da nosa historia e sen renunciar a ningún dos nosos principios. Aquí está o BNG máis forte e o BNG máis unido. O BNG máis cohesionado que nunca”, significou Pontón. 

“Fai 5 anos éramos conscientes que tiñamos que tomar decisións arriscadas e valentes. Tomamos decisións valentes cando apostamos por un discurso claro e actualizado, que fuxise de ideoloxismos, que vinculase de forma axeitada o nacional e o social, e que nos fixo conectar coa cidadanía”, destacou a voceira do BNG.

Pontón lembrou os momentos complicados do BNG na última década e vinculou a superación desa situación a que “tomamos decisións valentes cando apostamos pola unidade e a coherencia, cando nos mantivemos firmes na idea de ser unha forza política coa cabeza e o co corazón no país”.

Acadar a maioría social

A dirixente nacionalista destacou que “ agora temos que alcanzar un obxectivo importante. Acadar a maioría social e chegar cada vez a máis sectores da cidadanía galega”. Nesta dirección, apostou por “seguir fortalecendo a organización e ensanchar a nosa base social, porque sen esa fortaleza todos os avances terían os pés de barro”.  

“Por diante quedan tres anos para ganar unha nova Galiza, abrir un tempo de esperanza liderando o Goberno da Xunta”, afirmou Pontón, quen apostou “en avanzar nun BNG cada vez máis amplo, forte e activo, e enriquecendo o proxecto que representamos a través do contacto permanente cos sectores económicos, sociais, e culturais”.

“Queremos en 2024 un Goberno encabezado polo BNG que poña  as institucións ao servizo de Galiza, espremendo as posibilidades do actual Estatuto, con vocación de forzar os seus límites e ir a máis, para conseguir todas as ferramentas que permitan darlle unha vida mellor aos galegos e as galegas”, continuou Pontón .

Comentarios