18-F | Barómetro para Nós Diario

Miguel Díaz e Rodrigo Panero (EM-Analytics): "Agora mesmo na Galiza hai entre 20 e 25% de persoas indecisas"

'Nós Diario' publica este sábado, 27 de xaneiro, unha nova entrega do barómetro electoral elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics de cara aos comicios do 18 de febreiro. E a partir da vindeira quinta feira, día 1, e coincidindo co inicio da campaña o xornal presentará un 'tracking' diario para seguir en tempo real a evolución da intención de voto na Galiza.
Á dereita, Miguel Díaz; á esquerda, Rodrigo Panero, codirectores do Instituto Demoscópico EM-Analytics. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Á esquerda, Miguel Díaz; á dereita, Rodrigo Panero, codirectores do Instituto Demoscópico EM-Analytics. (Fotos: Nós Diario)

—Este sábado 27 o Nós Diario trae unha nova entrega do barómetro de EM-Analytics. Como se elaborou este estudo?
Partimos dun modelo híbrido que combina os cuestionarios asistidos por ordenador coas chamadas telefónicas no caso das circunscricións de Lugo e Ourense e realizamos as enquisas en formato 'tracking', mantendo sempre unha mostra diversa e representativa do país con 1.400 respostas satisfactorias, o que nos dá unha marxe de erro de 2,6 puntos, e cada día entran as máis novas para substituír as vellas.

Isto permitirá que ao finalizar o 'tracking' contemos para Lugo e Ourense cunha mostra elaborada con 50% ou máis de chamadas telefónicas. Por que non recorremos a isto no caso da Coruña e Pontevedra? Porque os datos demográficos apuntan que se trata de poboacións con maior acceso á internet e as redes sociais, máis nova e cun maior volume de habitantes. Mais, en calquera caso, a mostra é sempre proporcional con base a diferentes criterios como nivel de renda e de estudos, sexo, idade, grao de interese pola política...

—Por que no barómetro non aparecen as e os votantes indecisos?
Iso depende do modelo que siga cada enquisadora, habitualmente réstanse do resultado total. Se reflectísemos un bloque de persoas indecisas no barómetro non poderiamos falar de estimación de voto, senón de intención directa. Teriamos grupos infrarrepresentados e outros sobrerrepresentados e non sería un estudo realmente representativo nin se achegaría á ‘foto final’ do 18-F, porque estas persoas, ou polo menos unha porcentaxe moi elevada delas, tamén votan. O que non teñen decidido é a quen, e poden non facelo até o día mesmo das eleccións.

Nós sabemos, dentro deste grupo de votantes, entre que partidos dubidan, ou se contemplan tamén a abstención, e sabemos en que proporción se moven dentro de cada bloque, cara a que formacións acaban indo os seus votos. Niso consiste a ‘cociña’, en distribuír as indecisas conforme ás tendencias e de forma sempre proporcional.

—Son moitas as indecisas?
Nestes momentos estariamos a falar de entre 20 e 25% do electorado total.

—Hai algún segmento poboacional concreto que estea especialmente indeciso? E entre que opcións dubida principalmente?
Depende de moitos factores. Por exemplo, as persoas cunha maior desafección coa política valoran absterse ou votar. As mozas e mozos urbanitas das circunscricións da Coruña e Pontevedra dubidan entre BNG, PSdeG e Sumar, mais en Lugo e Ourense, como ven que hai menos posibilidades de que Sumar e Podemos logren representación, son menos estas indecisas e apuntan máis a PSdeG e BNG. E as votantes tradicionais de Podemos, en todo o país, dubidan entre os morados e o BNG.

O do Partido Popular, pola contra, é un elector máis consolidado porque o ve como a única opción viábel dentro do bloque da dereita. Pero si hai moitas persoas en Ourense que non teñen claro se votar ao PP ou a Democracia Ourensá.

—Xa na precampaña estamos a ver candidatas como Ana Pontón (BNG) ou Marta Lois (Sumar) tentan chegar á xente máis nova botando man da súa linguaxe, participando en programas e formatos que adoitan seguir e mesmo empregando expresións popularizadas entre os mozos e mozas como "PEC" ou "servir cona". Cren que isto pode ter un impacto positivo e lograr unha maior mobilización destas persoas?
Vemos que o que procuran é chamar a súa atención e intentar que as súas formacións e programas electorais resulten atractivos. Buscan conectar con eles e elas para que as vexan máis próximas, empregando a súa xerga coloquial, dando a coñecer algunhas das promesas electorais que lles poidan resultar de interese... Pero, aínda que cheguen a simpatizar moito, iso non significa que vaian votar o 18 de febreiro.

Isto tamén o fixo Pedro Sánchez na campaña das eleccións estatais cando foi, por exemplo, ao podcast de La pija y la quinqui. O traballo das forzas políticas agora é mobilizar o maior electorado posíbel, pero hai que deixar claro que simpatía non é igual a intención de voto. No bloque da esquerda podería desmobilizar o feito de pensar que é moi difícil o cambio na Xunta, e na dereita máis do mesmo, que o vexan xa practicamente gañado e non crean necesario ir a votar.

Comentarios