18-F | Entrevista

Miguel Díaz e Rodrigo Panero (EM-Analytics): "Tratamos de afinar ao máximo os resultados; a 'cociña' é mala cando se pretenden adulterar"

'Nós Diario' publica este sábado, da man do Instituto EM-Analytics, un primeiro barómetro electoral composto por unha mostra representativa da sociedade galega con 1.400 persoas que combina as chamadas telefónicas e os cuestionarios online. A esta primeira entrega seguirana outra o sábado 27 de xaneiro e un tracking diario durante a campaña.
Miguel Díaz e Rodrigo Panero, codirectores do Instituto Demoscópico EM-Analytics. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Díaz e Rodrigo Panero, codirectores do Instituto Demoscópico EM-Analytics. (Foto: Nós Diario)

Hai máis dunha década o enxeñeiro informático asturiano Miguel Díaz puxo en marcha o portal El Mundo en Cifras, destinado a mostrar perante infografías e elaborados modelos de visualización os "moitos datos" que xa pululaban pola rede, mais que non se presentaban de forma atractiva. "Foi algo espontáneo, eu estaba no paro e, coincidindo co auxe dos blogs, decidín iniciar o proxecto", explica. Moi cedo decatouse de que a información que máis interese espertaba na audiencia era a referida á política, nun momento especialmente marcado por un bipartidismo que comezaba a resentirse no Estado español após o movemento cidadán do 15-M, polo que decidiu centrarse nestes contidos e empezar tamén a recompilar enquisas. Daquel traballo naceu Electomanía.

E de difundir enquisas doutros medios... a facer outras propias. Díaz comezou elaborando o denominado ElectoPanel partindo de formularios online e non tardou en alcanzar a fama a nivel estatal. Para apuntalar o proxecto e dar un novo salto sumouse ao equipo, en 2020, o analista de datos berciano Rodrigo Panero, que daquela traballaba para unha consultora para diferentes clientes, incluíndo un partido político. "Coñeciamos o traballo de Miguel con Electomanía e usabamos os seus datos. Fundamos un pequeno proxecto que foi o xermolo do que hoxe é o Instituto EM-Analytics, a el tamén lle gustou e fusionámolo", relata.

Hoxe a compañía demoscópica traballa con numerosos clientes, desde formacións políticas até medios de comunicación. E desde agora Nós Diario súmase a esa lista, pois o xornal difundirá —tanto na edición dixital como na impresa— dous barómetros de opinión que recollen as tendencias do electorado galego de cara ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro, un este sábado, día 20, e outro o seguinte, 27, e a maiores un tracking diario entre a quinta feira 1 de febreiro e a segunda día 12 —último día no que a lei permite difundir enquisas—, que contará cunha entrega dobre, a primeira e última hora.

—EM-Analytics traballa cun modelo híbrido de recollida de datos que mestura os cuestionarios online coas chamadas telefónicas. En que consiste exactamente a súa metodoloxía?
RODRIGO PANERO
: Partimos da estatística básica tradicional, pero dámoslle a volta para facelo á inversa, algo moi frecuente nas enquisadoras estadounidenses, por exemplo. O modelo tradicional está estratificado: temos diferentes perfís da poboación cos que debemos contactar e buscámolos en determinadas áreas para atopar unha persoa que reúne unhas características concretas. Nós, en cambio, abrimos un cuestionario ao maior número persoas posíbel e logo ímolo acoutando até reunirmos a mostra que precisamos con base nos diferentes segmentos da poboación que precisamos.

No caso concreto destas entregas para Nós Diario contaremos con 1.400 entrevistas repartidas equitativamente por todo o territorio. E para estarmos seguros de que se alcance ao 100% a mostra precisa, contamos cun reforzo de 50 chamadas telefónicas a través dun call center dentro da circunscrición de Lugo e outras tantas en Ourense, por tratarse de áreas máis envellecidas e rurais e tamén pola irrupción de novos partidos difíciles de detectar nestes estudos, como é o caso de Democracia Ourensá. En casos como este ou o de Soria YA nas pasadas eleccións castelán-leonesas si que precisamos o call center.

MIGUEL DÍAZ: E no relativo ás entrevistas online, unha vez recadamos todas as respostas empezamos a segmentar as persoas —con base en diferentes criterios como idade, lugar de residencia, ocupación, nivel de renda, etc.— para obter unha mostra ampla e representativa da sociedade galega e analizamos que puntos quedan máis frouxos para ‘sobreponderalos’. Ou, no caso contrario, se hai un exceso de participantes ‘infraponderámolos’ ou eliminámolos da enquisa. Co tracking diario, manteremos unha mostra ampla de 1.400 persoas da que cada día entran as respostas máis recentes e saen as máis vellas.

—E cantas entran e saen cada día do tracking para actualizar o panel?
M.D.
: Iso vai depender da configuración final que deseñemos, pero o ideal é que das 1.400 que temos en total, cada día muden co tracking 100 en Lugo, 100 en Ourense e 150 na Coruña e Pontevedra, polo que teriamos unhas 450 respostas novas. O obxectivo é seguir sumando día a día as novas e así, na última entrega, veremos que máis da metade da mostra contará con ese compoñente telefónico para Lugo e Ourense, polo que será moito máis representativa, mesmo sobrecualificada, e terá un peso moito máis relevante para medir, por exemplo, o efecto de DO.

Por que non o facemos tamén na Coruña e Pontevedra? Porque contamos con grandes núcleos de poboación, máis xove, urbana en moitos casos e con maior acceso ás redes sociais. E cos nosos datos podemos comprobar que teñen un maior acceso ao panel online.

—A mostra para Galiza, pois, será ampla e contará con todos os segmentos poboacionais?
M.D.
: Si, sen dúbida. Cando empezamos hai anos cos cuestionarios online para o ElectoPanel pensabamos que a nosa mostra diferiría moito das tradicionais... Pero comprobamos que non. O que si pode haber son diferenzas numéricas de participantes dentro de cada segmento, pero non na mostra final. E na Galiza contamos con panelistas de todos os grupos e idades que precisamos, hai moita participación de persoas menores de 65 anos.

—E como se realiza, unha vez recollidas todas as respostas aos cuestionarios, a ‘criba’ de panelistas por segmentos para obter unha mostra representativa da realidade galega?
M.D.
: Nós temos xa toda a poboación da Galiza segmentada en até 28 perfís diferentes e moi específicos de potenciais votantes. Por exemplo, ‘mozo de entre 18 e 24 anos cun traballo precario, unha renda media de entre 12.000 e 18.000 euros anuais e ideoloxía progresista’. Pode darse a circunstancia de que nunha casilla concreta falte xente, se por exemplo precisamos dez e temos oito para representar ese segmento concreto da poboación. O que podemos facer entón é ‘sobreponderar’ esa mostra, dándolle un peso maior. Pero esta é a última das alternativas, e de feito cos panelistas online normalmente abonda. Se non tamén recorremos a campañas pagadas en redes sociais para chegar co cuestionario a eses perfís concretos.

R.P.: Todo depende das circunstancias. Non é o mesmo precisares un de dez que non ter ningún para cubrir ese segmento. Outra técnica que empregamos é aproximar o perfil ao máis parecido —por exemplo, o ‘mozo liberal precarizado’ ao ‘mozo liberal estábel’— e basearnos nel, porque a tendencia do voto será a mesma e non adultera a enquisa, como si acontecería asignándolle directamente outra casilla.

Esas tipoloxías de votante, ademais da intención de voto e datos básicos demográficos, inclúe outra información valiosa como con que medios de comunicación e redes sociais consome ou entre que partidos políticos dubida. Se sabemos que o ‘mozo liberal precarizado’ dubida entre o PP e o PSdeG, por exemplo, e sabemos tamén que nesa pugna o 80% decántase finalmente polo PP, o máis probábel estatisticamente é que tamén o faga —se ben habería outro 20% de posibilidades de que votase polo PSdeG—. En definitiva, se dos 10 que precisamos nese segmento falta un e temos que incluír outro do perfil máis parecido, asegurámonos de que as ponderacións do voto vaian na liña do resto de persoas dese grupo concreto.

—Dentro dos paneis online, vostedes adoitan falar de panelistas ‘fixos’ e ‘ocasionais’. En que se diferencian e que peso teñen nestas enquisas?
M.D.
: Denominamos ‘fixos’ á base de panelistas que fomos conseguindo ao longo dos últimos sete anos e que adoitan responder de forma regular, mesmo semanalmente, ás nosas enquisas. O panelista ‘ocasional’ participa durante un tempo e logo déixao, ou só o fai en momentos puntuais. Os ‘fixos’ constitúen unha mostra moi fiábel e moi grande que permite cotexar ben as tendencias electorais e a evolución do voto. E os ocasionais, pola contra, hai veces que os utilizan, incluso partidos políticos, para intentar adulterar a nosa mostra. Se nos baseamos só en eles tamén pode darse o caso, como agora en Ourense con DO, de que cheguen novos panelistas impulsados polo ‘efecto Xácome’ e sobrerrepesenten os apoios reais deste partido na mostra.

A xente indecisa, co avance da campaña, adoita acentuar as tendencias de voto

Por iso, á hora de crear a segmentación, se precisamos dez persoas para cubrir un perfil concreto —por exemplo, home de entre 18 e 24 anos con emprego, de Vigo e cunha renda de entre 12.000 e 18.000 euros— e temos dez que son ‘fixos’, priorizámolos sobre os ‘ocasionais’. Se non abonda cos ‘fixos’ para un determinado perfil, completamos os que faltan con ‘ocasionais’.

Pero isto non significa que desprecemos os ‘ocasionais’, nin moito menos, pois sempre acentúan moito os cambios de tendencia e a irrupción de novas formacións como DO. Sonnos moi útiles para estudar esas mudanzas tan significativas e complementan os ‘fixos’, que nos permiten incorporar as matrices de transferencia de voto a respecto de anteriores eleccións galegas, estatais, europeas ou municipais.

R.P.: Os ‘ocasionais’ axúdannos moito para analizar e comprender o que en demoscopia chamamos ‘cisnes negros’ —sucesos sorpresivos de grande impacto na opinión pública—. A ‘crise dos pellets’ na Galiza é un bo exemplo, pois vemos como fai cambalear o taboleiro político pola posíbel mobilización dun electorado que non é necesariamente de esquerdas pero quere criticar e ‘castigar’ o PP pola súa xestión.

Nas eleccións ás Cortes de Castela e León de 2022 fomos os únicos que advertimos da irrupción con forza de Soria YA. E o mesmo aconteceu en 2018 en Andalucía, cando as demais casas de enquisas non garantían a entrada de Vox ou estimaban un ou dous deputados, mentres nos nosos paneis saíannos un mínimo de seis ou sete... E ao final quitou doce.

—De feito nas eleccións castelán-leonesas vostedes quedaron moi perto da ‘foto final’ e foron, igual que nas anteriores estatais, unha das enquisadoras que máis se achegou ao resultado real.
R.P.
: O primeiro que cómpre aclarar é que unha enquisa non é unha predición electoral, senón unha foto dun instante concreto e unha proxección coa nosa marxe de erro. En Nós Diario, as lectoras e lectores poderán ver como a través de todas as entregas imos debuxando as diferentes tendencias e a súa evolución, o que dá moita coherencia ao estudo. Hai outras enquisadoras que van marcando unha tendencia diaria e logo, de súpeto, no último día, fan unha corrección enorme de até tres ou catro puntos que se parece máis á foto final... pero é unha incoherencia do estudo.

M.D.: Castela e León é un bo exemplo. O noso panel levaba tempo avisando de que [Alfonso Fernández] Mañueco non chegaría á absoluta, que o PSOE estaría forte, que entraría Soria YA —obtivo tres representantes—, que manterían un procurador Podemos e Ciudadanos e que Vox tería un peso importante. Cando se anunciou a convocatoria electoral sacamos un panel exprés que non coincidía co resto de enquisas publicadas nas dúas semanas posteriores, que vían a absoluta do PP practicamente garantida e apuntaban que Soria YA non entraba. Nós publicabamos tres paneis por semana e viamos como se mantiñan esas tendencias... e o resto de enquisadoras ao remate da campaña incorporaron Soria YA e quitaron a absoluta ao PP. E logramos anticipar o peso de Vox, equivocándonos en só sete centésimas, seis días antes das eleccións —o último día que se podían publicar enquisas.

R.P.: O director dunha importante enquisadora díxome que viñamos a democratizar as enquisas. A xente con Electomanía ten sempre o mesmo acceso que as formacións políticas á evolución constante desas tendencias, pois dentro dos partidos sempre teñen sondaxes internas pero a nós moitas veces non nos chega nada agás unha enquisa por semana e pouco máis.

M.D.: En canto se convocan eleccións creamos un calendario de previsións que sempre cumprimos: facemos e publicamos todos os paneis previstos. O contrario sería caer nos ‘silencios demoscópicos’ que moitas veces vemos no sector, cando se publican moitos estudos seguidos e, de súpeto, da noite á mañá, desaparecen durante semanas, sen achegar ao público xeral ningún dato. Iso dá pé á especulación... por que non se publica? Queren agochar algo? Con nós iso non pasa.

—Un dos aspectos que máis se cuestiona das enquisas electorais é a coñecida ‘cociña’. Como funciona en EM-Analytics e en que se diferencia do resto de enquisadoras?
R.P.
: A cociña está moi deostada, pero é algo imprescindíbel, porque do contrario non hai unha estatística inferencial que permita levar os datos da mostra ao conxunto da poboación que estamos a estudar. Se ti recolles os votos e os ‘devolves’ é o que chamamos intención directa de voto, que ás veces, de forma intencionada ou non, se publica como se fose unha enquisa, pero non o é nin recolle a opinión pública.

E se colles os microdatos dunha enquisa e ves que ten 700 preguntas, pero que 650 se formularon nun barrio obreiro de tradición socialista, terás unha mostra moi nesgada. Iso é unha mostra de como ‘cociñar’ ben ou non tan ben. Nós facémolo da forma máis rigorosa posíbel.

M.D.: Pido á xente que lea isto que non deoste a cociña e quero explicar o porqué. Dentro dos datos recollidos na mostra atopamos sempre un número moi importante de persoas indecisas ou que directamente non saben se votarán ou non. Imaxinemos, pondo o exemplo real das pasadas eleccións estatais, que hai moita indecisa entre PSOE e Sumar. Esas persoas seguramente acaben votando, pero nós non sabemos aínda a quen, porque non temos a referencia da evolución do tracking diario para ver cara a onde se vai movendo esa masa de votantes. E loxicamente non podes publicar unha enquisa con só 73% do voto total, tes que aproximar ese 73% ao 97 ou 98% —descontando os votos en branco ou nulos—... pero tampouco de forma directamente proporcional.

Unha parte da cociña consiste en ver —partindo de moitos parámetros como a abstención, os votos nulos ou os duplicados—, dentro dese electorado indeciso que temos en cada un dos segmentos, entre que partidos están dubidando e, baseándonos nas súas transferencias de voto, asignarllos aos diferentes partidos. Se dentro das indecisas hai un 10% que dubida, por exemplo, entre BNG e Sumar, e nós sabemos polas tendencias e as transferencias de voto que o 80% delas van ao BNG, o máis probábel é que se siga a tendencia. De feito, a xente indecisa, conforme avanza a campaña, soe acelerar as tendencias que se apuntan inicialmente, porque dubidan e apostan normalmente polo cabalo gañador, ou ben por consolidar unha tendencia que xa se observou inicialmente.

A cociña en si non é mala, o malo é utilizala para intentar adulterar o resultado final na aplicación deses cálculos. Tradicionalmente é boa porque o que fas é segmentar e ponderar ben para afinar o máximo posíbel. No caso contrario, está mal, pois o que fas é coller as indecisas e dicir, “este partido está moi alto para o que son os meus intereses editoriais”, e tratar de desinflalo para rebaixalo, servíndote dos indecisos para iso. Algúns países regulan a cociña das enquisas para minimizar impacto na opinión pública, o que corre o risco de que unha institución pública condicione os resultados e faga que non sexa un axente independente. Cales son os beneficios? Unha maior transparencia e acceso á información. Nós rexémonos polo código ESOMAD de boas prácticas demoscópicas da Unión Europea. A nosa cociña é transparente e vén acreditada cunha ficha técnica na que se pode comprobar como se elaborou.

Non traballamos con abanos de resultados, sempre damos o dato exacto máis probábel

—Outro aspecto diferencial de EM-Analytics é que non proporciona un intervalo de posíbeis escanos, senón que dá un número exacto.
M.D.: Para desglosar o dato por circunscricións, sobre todo nas enquisas para as eleccións estatais, si usamos o dato de +-0,5%, porque é aventurarse demasiado dar o dato concreto, por exemplo, de Soria YA ou Por un Mundo Máis Xusto. Pero a grandes rasgos non recorremos aos abanos de resultados, porque para estimar os escanos necesitamos coñecer que porcentaxe de voto ten un partido en cada circunscrición para aplicar a Lei D’Hondt. Se o valor máis probábel nese intervalo é 23,5%, é o que usamos.

Que fan moitas casas enquisadoras? Non proporcionar ese dato por circunscricións e só un abano de votos e escanos para cubrirse as costas e dicir que acertaron. Poñámonos no caso de Ourense e DO: se lle das un abano de 0-2 escanos, non deixas claro que nivel de apoio real ten, se está máis perto do 2% de votos e ningún representante ou se está no 15% e pode lograr dous. E isto pode influír na opinión pública.

—Centrándonos agora nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro quería preguntarlles polas chaves. Unha delas parece evidente que será a entrada no Parlamento da Galiza, ou non, de Democracia Ourensá, algo que o ElectoPanel vén apuntando desde hai tempo pero que non comparten o resto de enquisadoras...
M.D.
: É unha cuestión moi complexa e unha situación semellante á de España Vaciada nas anteriores eleccións estatais. DO pode tanto irromper con forza como quedar fóra. Que pasa coa maioría das casas de enquisas, que non os están a ter en conta? En moitas delas non sabemos se directamente non preguntaron por DO ou se tiñan un dato moi baixo de intención de voto, porque non debullan eses datos por circunscricións. Veremos até que punto [Gonzalo Pérez] Jácome pode trasladar o éxito das municipais. Seguramente teña moito tirón, pero tamén está o factor do ‘voto útil’... E logo hai que analizar tamén a quen prexudica máis que entre no Parlamento ou non, porque ás veces pode prexudicar máis quedar fóra que entrar. Pondo o caso de Sumar, se queda con 4% do voto na Coruña e non consegue escano, eses catro puntos poderían dar máis deputados e deputadas a BNG ou PSdeG se os votos fosen parar a eles.

Medir o impacto de DO é moi complexo. Hai xente que non coñece aínda a candidatura e dependerá en gran medida de como armen a campaña, de se aparecen nos debates, se reciben maior ou menor cobertura mediática... Agora mesmo roldaría o 6% na súa circunscrición, pero ollo cun matiz importante que ás veces induce a erro: superar a barreira electoral (5%) no  garante escanos, pois depende da distribución do voto entre os demais partidos e a repartición con base na Lei D’Hondt. Hai moito electorado compartido entre PP e DO, pero non é unha asociación lóxica pensar que o que perde DO vai para o PP, pois ese escano pode levalo Sumar, PSdeG ou BNG.

Por iso é importante este tracking diario que faremos en Nós Diario, para ver quen ten o último escano e que marxe ten sobre o resto de forzas nesa circunscrición. E o mesmo acontece con Vox, hai que ver como reacciona o seu electorado e que fai o de Ciudadanos. Eses ‘restos’ que pode roubar Vox ao PP —segundo as enquisas actuais sen entrar no Parlamento— poden decantar finalmente a balanza cara á esquerda. E viceversa no lado contrario: os votos de Podemos e Sumar que perderían BNG e PSdeG igual decantan a balanza á dereita. E de Izquierda por Almería mellor non falamos [ri].

—Democracia Ourensá é un partido ‘atrápaotodo’ que parte dunha visión localista. A quen prexudica máis a súa irrupción?
M.D.
: Cos nosos datos vemos que o máis prexudicado é o PP. O seguinte o PSdeG, pero en menor medida. E logo concorre un terceiro factor: os abstencionistas e desencantados coa política. O ascenso de Jácome explícase non só polo que ‘rouba’ a outros partidos senón tamén polo que consegue mobilizar, ese voto protesta ou mesmo ‘cachondo’, un pouco como Izquierda por Almería en Lugo. Hai quen pode non ter claro se votar ou non e optar por DO pensando que é de Ourense, que pode facer algo pola cidade e pola provincia... e mesmo polo ‘show’.

R.P.: É o que se denomina un político ‘pop’, algo que xa vimos noutros territorios. A personalidade está por riba das siglas e por iso o votan.

M.D.: O electorado de Podemos, se ve que vai quedar sen representación, é máis probábel que vote o BNG ou quede na casa, pero no caso do elector de Vox, moi desencantado co partido, pode recaer en DO. De feito o de Vox é o votante máis desmobilizado na Galiza, pois case a metade non teñen claro que van votar, nin sequera se o farán. En Ourense, o que non queira o PP pode a última hora apostar por DO, porque sabe que o pacto natural sería co PP. Non sería un voto disruptivo que provocase un cambio na Xunta.

R.P.: A asociación lóxica é pensar que DO sería un apoio máis para a dereita, pero ao ser unha forza independente e ao falarmos dun político ‘pop’, pode saír por calquera lado.

M.D.: Este tipo de movementos, como vemos con Sahra Wagenknecht en Alemaña (do partido Pola Razón e a Xustiza, escisión de Die Linke) ou Éric Zemmour en Francia (Reconquista) funcionan moi ben con electores desencantados. E non ten por que ser necesariamente, no caso de Francia, ao 100% de extrema dereita. Pode ser xente que viva en sitios en declive, que busca unha chamada desesperada. Se DO arma ben a candidatura, pode ter un bo papel e cabida no Parlamento.

R.P.: DO, ademais, ten un efecto quijotesco de loitar contra os medios e o stablishment e que lle saia ben. Pero penso que a maquinaria electoral vaille facer dano.

Os votos que Vox e DO quiten ao PP e Sumar e Podemos a PSdeG e BNG decantarán a balanza cara á esquerda ou a dereita

—Estamos ante un escenario aberto, e quizais o máis aberto dos últimos anos?
M.D.
: O BNG vai armándose cada vez máis, gañando novos apoios na esquerda, mentres o PSdeG non acaba de arrancar e mesmo perde apoios. Isto podería ser bo para o Bloque, pero non para o conxunto da esquerda, pois un PSdeG feble pode dar máis escanos ao PP. Que o BNG acelere e o PSdeG se descolgue sería malo para a esquerda agás se o BNG despunta tanto que arrasa e o voto envorca cara o Bloque en detrimento dos socialistas, pero tamén do PP. Porque o coeficiente de repartición de escanos pode facer que o número 12 vaia ao PP, pero cun BNG forte poderían levalo eles. Veremos se durante a campaña se acentúan ou reverten estas tendencias, dependerá de se o PSdeG é capaz de activar a súa maquinaria e mobilizar o seu electorado, algo que sería moi necesario.

R.P.: Eu vexo máis riscos para ambos os bloques en Vox e Sumar. É curioso, porque en 2020 Vox estaba en auxe a nivel estatal e na Galiza quitou só un 2%, e agora que está peor no Estado, só polo maior nivel de coñecemento, gañaría un punto nas galegas. E no bloque da esquerda Sumar vén dunha remontada nas estatais e na Galiza estaría no límite; nas nosas sondaxes non entra. Se Vox e Sumar non logran representación e cada un quita tres ou catro puntos ao seu bloque, pode determinar moito quen acabe gañando. A esquerda, cos datos que temos agora, pode gañar en porcentaxe de voto. E o bloque da dereita alcanzaría a absoluta pola mínima. Estamos ante un escenario moi, moi axustado.

Galiza é moi característica a nivel sociolóxico. É moi tradicional no voto e relativamente estábel no plano político. Veremos se o electorado se activa ou non e se nas eleccións pode haber un cambio.

—O nivel de participación será outra das chaves, pois a diferenza das eleccións estatais ou municipais en moitos concellos adoita ser especialmente baixa nas galegas: en 2020 votou menos da metade do electorado (48,97%) e nin en 2016 nin en 2012 alcanzou o 56% de voto. A quen favorece máis isto?
M.D.
: Ao PP, tradicionalmente, vaille ben unha baixa participación, porque o seu electorado é fiel e o da esquerda non tanto. O tema da participación e a abstención na Galiza, como comentas, é moi peculiar. Vimos dunhas eleccións marcadas pola pandemia, pero é certo que adoita ser baixa a participación. Onde atopamos uns datos máis baixos? En Ourense (43,92% en 2020). É curioso: unha das circunscricións máis desmobilizadas coincide coa posíbel irrupción dun partido que atraería novos votantes. Quizais agora non teña xa a maior abstención...

Pero o electorado non se activa espontaneamente, necesita algo que o active. Que pasou nas anteriores estatais? Que a esquerda axitou o medo a que a ultradereita condicionase o Goberno e iso mobilizou masivamente as e os seus votantes. Nas galegas, pola contra, ademais de que o PSdeG non está tan forte, dáse por feito que Vox non vai entrar, pois non está nese abano de 1-2 escanos que serían decisivos no Parlamento.

Veremos que fai as votantes de Sumar e Podemos. Estas últimas está máis claro que se o ven cru apoiarán o BNG, pero con Sumar hai máis dúbidas. Se avanza a campaña e ven que as opcións son practicamente nulas, quizais esa electora ou elector non está tan claro que vote o BNG, podería reforzar o PSdeG. Se esa masa de votantes fortalece o PSdeG sen prexudicar o BNG, a esquerda veríase beneficiada, porque o Bloque podería ter igualmente un bo resultado e o PSdeG non só non se descolgaría senón que melloraría.

Ese escenario, no que Vox e DO poderían restar ao PP, sería o mellor para a esquerda. E aí si podería haber cambio. Pero para iso teñen que confluír moitos factores: unha participación moi elevada, mobilización do electorado de esquerda, concentración do voto en BNG e PSdeG, voto ‘prestado’ de votantes de Sumar e Podemos a esas dúas formacións, DO e Vox roubando votos ao PP... son demasiadas cousas á vez. É posíbel? Si, pero moi difícil.

E agora veremos tamén que impacto ten o tema dos pellets, se se produce un ‘voto de castigo’ contra o PP como aconteceu co Prestige, de xente á que non lle incomoda o PP na Xunta pero que quizais cre que lle mentiron ou que houbo unha mala xestión, e iso podería activala a votar. Estas eleccións, ademais, parece que se xogarán en clave estatal, pois entra tamén en xogo o liderado de Alberto Núñez Feixoo no PP e a crise interna que podería abrirse perdendo a Xunta.

R.P.: Queda aínda un mes, e iso en política son como cinco anos. Agora parece que todas as miradas apuntan á 'crise dos pellets', pero á velocidade que imos de crises, igual en dúas semanas o eixo da campaña é outro.

Comentarios