18-F | Barómetro para Nós Diario

Barómetro completo para 'Nós Diario': o BNG subiría nas catro circunscricións en detrimento dun PP que caería en todas

Pontevedra continúa a ser a peor circunscrición para os populares, onde malia alcanzar o Goberno na Deputación en maio cae a 10 escanos e 40,7% dos sufraxios, rexistrando unha acta menos que en 2020 e unha intención de voto de 5,3 puntos por baixo da media galega. Pola contra, as súas mellores porcentaxes rexístranas en Lugo con 52,3% sufraxios e oito actas e en Ourense con 52,1% dos sufraxios e tamén oito actas. A este primeiro estudo seguirao outro o sábado 27 de xaneiro e un tracking diario durante o período de campaña electoral.
Intención de voto por circunscricións no barómetro elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics para 'Nós Diario' deste 20 de xaneiro.
photo_camera Intención de voto por circunscricións no barómetro elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics para 'Nós Diario' deste 20 de xaneiro.

O Partido Popular retrocedería tres escanos en relación ao comicios galegos de xullo de 2020, alcanzando 39 actas. Segundo os datos achegados pola enquisa de EM-Analytics para Nós Diario, os populares situaríanse en 46% dos sufraxios, dous puntos por baixo das eleccións galegas de 2020. Neste caso, o estudo apunta a unha baixada sostida no conxunto da Galiza, ficando aínda por contabilizar o alcance total do impacto no electorado da crise dos pellets, cuxo posíbel efecto se percibirá con máis claridade na vindeira entrega.

Pontevedra continúa a ser a peor circunscrición para os populares, onde malia alcanzar o Goberno na Deputación en maio cae a 10 escanos e 40,7% dos sufraxios, rexistrando unha acta menos que en 2020 e unha intención de voto de 5,3 puntos por baixo da media galega. Pola contra, as súas mellores porcentaxes rexístranas en Lugo con 52,3% sufraxios e oito actas e en Ourense con 52,1% dos sufraxios e tamén oito actas, sendo esta a única circunscrición onde reteñen o mesmo número de deputados que en 2020, o que reforza a posición do novo líder ourensán do PP, Luís Menor. Ao tempo, o PP cae na Coruña a 46,9% e fica con 13 escanos.

 

O BNG aumentaría a súa representación en tres actas e a súa intención de voto en 2,5 puntos, conseguindo 22 deputados e 26,3% dos sufraxios. A marxe de mellora da formación nacionalista dependerá da súa capacidade para mobilizar o electorado máis próximo ideoloxicamente, tradicionalmente máis abstencionista, e concentrar o voto da esquerda. O Bloque sumaría unha acta máis na Coruña, Lugo e Pontevedra, onde fican por riba de 26% dos sufraxios e con oito, catro e sete deputados, respectivamente.

Asemade, están a 0,3 puntos de lograr un novo escano en Ourense, onde pelexan pola última acta con Democracia Ourensá, o partido do alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Xácome. Unha batalla semellante, líbrase entre nacionalistas e populares na circunscrición da Coruña, onde o PP está a só 0,2 puntos de restar un deputado ao BNG.

 

O PSdeG ficaría en 13 escanos e 18,3% dos sufraxios, o que representa a perda dunha acta e unha caída na intención de voto en relación a 2020 de 1,1 puntos. Nesta liña, a formación socialista, liderada por José Ramón Gómez Besteiro, estaría a 27,7 puntos do PP de Alfonso Rueda e a 8 puntos do BNG de Ana Pontón.

Os socialistas rexistran os peores resultados en Ourense, con 14,6% dos sufraxios, após perder 5,1 puntos e unha acta, tras un proceso interno de conformación de candidaturas marcado polas diferenzas internas. Na tendencia contraria atópase Pontevedra, onde o empuxe do alcalde vigués, Abel Caballero, sitúa a formación en 22,7%, non percibíndose o efecto de Gómez Besteiro en Lugo, circunscrición na que foi presidente da Deputación entre 2007 e 2015, e os socialistas asinan unha caída de 0,9 puntos.

Democracia Ourensá alcanzaría un escano en Ourense con 5,8% dos sufraxios, se ben esta acta peléxaa co BNG, que estaría a 0,3 décimas de conseguila. Pola súa parte, tamén no campo da dereita, Vox fica moi lonxe de lograr representación, con 2,7% dos sufraxios, marcando a mellor porcentaxe na circunscrición da Coruña, con 3,1%.

 

Sumar e Podemos ficarían fóra do Parlamento da Galiza. A enquisa do instituto EM-Analytics para Nós Diario outórgalle á formación liderada por Marta Lois, Sumar, 3,3% dos sufraxios, non superando en ningunhas circunscricións o mínimo legal de 5% necesario pola lexislación electoral galega para entrar na Cámara. Outro tanto, acontece con Podemos. A formación de Isabel Faraldo situaríase cunha intención de voto de 1,3%.

A foto desta sondaxe avanza dúas batallas paralelas. A unha banda, os populares lanzados a desmobilizar o electorado da esquerda e a conseguir o votante de Vox. A outra, nacionalistas e socialistas pelexando por conseguir aumentar a participación e por aglutinar aquelas fraccións do corpo electoral que a esta altura da campaña optaría por Sumar ou por Podemos.

Ficha técnica da enquisa.

Comentarios