Rexistran unha nova petición para que o Congreso investigue os "escándalos relacionados con Juan Carlos I"

A iniciativa, asinada entre outros por Unidas Podemos e BNG, busca tamén coñecer a "implicación do CNI".
O rei emérito, coa chaqueta do Bribón, este domingo, en Sanxenxo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, no seu desprazamento a Sanxenxo este mesmo ano. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Unidas Podemos e o groso dos socios parlamentarios do Goberno español veñen de rexistrar unha nova petición para que o Congreso investigue os "escándalos relacionados con Juan Carlos I" e a "implicación dalgúns estamentos do Estado" para controlar a información sobre os mesmos. En concreto, a iniciativa asínana, xunto co partido que forma parte do Goberno de coalición, BNG, ERC, Bildu, Máis País, Compromís, Junts, e PDeCAT.

Este novo intento para que a Cámara comece pescudar sobre as "presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas por membros da Casa Real" e "os seus cómplices" ten como referente os contidos do documental Salvar o Rei, producido por HBO, segundo admiten os propios asinantes.

En concreto, piden saber "os fluxos monetarios referidos nos rexistros de uso das chamadas 'tarxetas black'", así como as "influencias políticas, diplomáticas e diplomáticas" de membros da Familia Real con Arabia Saudita. Entre os obxectivos desa investigación parlamentaria inclúese tamén o coñecemento que poidan ter destes feitos "os actuais membros da Casa Real" e, en especial, o rei Felipe VI.

O papel do CNI e o control da prensa

Seguindo o fío do documental, os partidos que promoven a iniciativa insisten desta volta na necesidade de que o Congreso investigue tamén "a implicación dalgúns estamentos do Estado para o control da información dos escándalos relacionados co rei emérito".

Neste punto, aluden concretamente á relación do actual Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e máis dos seus predecesores desde o franquismo —CESID e CESED— con "presuntas ameazas e chantaxes a ex amantes do monarca" e á súa contorna.

Tamén queren coñecer os "recursos e ferramentas públicas" destinadas ao control de todas as informacións relativas ao ex xefe do Estado. Até o de agora a Mesa do Congreso, cos votos de PSOE, PP e Vox, rexeitou todas as solicitudes deste tipo que rexistraron estas formacións.

Na mesma peza audiovisual, aliás, un veterano axente do CNI sinalou Juan Carlos I como "o motor do golpe de Estado" do 23 de febreiro de 1981.

Comentarios