Volverá en xuño

Juan Carlos I rexeita, entre risos, dar explicacións sobre os seus problemas coa Xustiza: "Explicacións de que?"

Na mañá desta segunda feira partiu cara a Madrid para reunirse co xefe do Estado, Felipe VI, e máis un nutrido grupo de amizades e familiares entre as que estaría a raíña emérita Sofía.
O rei emérito, coa chaqueta do Bribón, este domingo, en Sanxenxo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O rei emérito, coa chaqueta do Bribón, este domingo, en Sanxenxo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Juan Carlos I reúnese esta segunda feira en Madrid co seu fillo, o xefe de Estado, Felipe VI, logo de pasar tres días en Sanxenxo para participar no Trofeo Viaxes Interrías da Copa de España de Vela de 6 metros.

Na súa última noite no municipio galego, á entrada da casa de Pedro Campos —presidente do Club Náutico e amigo íntimo do emérito—, contestou a algunhas preguntas dunha das xornalistas alí presentes sobre ese encontro, para o que mesmo pediu a Campos que detivese o coche.

"Como que que lle vou a dicir? Ti que lle dirías ao teu fillo?", respondeu Juan Carlos I á pregunta de que pensaba dicirlle a Felipe VI esta segunda feira. Logo sinalou, aliás, que ten "moitísima" gana de velo.

A parte máis polémica das declaracións chegou cando ao emérito lle preguntaron se "vai dar explicacións". "Explicacións de que?", resolveu, antes de continuar cara ao interior da vivenda.

O monarca abandonou Sanxenxo contra as 7.40 horas desta segunda feira para dirixirse ao aeroporto de Peinador, onde voará a Madrid para reencontrarse con Felipe VI, nunha xuntanza na que tamén está prevista a presenza da raíña emérita Sofía.

Concentración de repulsa

O sábado houbo en Sanxenxo unha concentración, baixo o lema 'Galiza non ten rei', para protestar contra a presenza do emérito na vila. Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova —unha das entidades convocantes—, atendeu Nós Diario para denunciar a anomalía que supón que "o rei emérito poida pasear tan impunemente polo noso país".

Regreso o próximo mes

Por outra parte, este domingo o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, confirmou que Juan Carlos I voltará á localidade en xuño para as regatas do Campionato do Mundo de Vela, e sinalou que "hai máis 'juancarlistas' do que se quere facer crer".

Polo de agora, o emérito, segundo as previsións de Casa Real, voltará esta mesma segunda feira aos Emiratos Árabes Unidos, onde estabeleceu a súa residencia, se ben xa manifestou en numerosas ocasións a súa vontade de seguir visitando o Estado español.

Comentarios