Labazada de Ana Miranda a Feixoo: "Son galega, falo galego e outras cinco linguas e uso 'pinganillo' no Parlamento europeo"

O ex presidente da Xunta asegurou sobre o uso das linguas oficiais nas Cortes españolas que "non concibía un Congreso con ‘pinganillos’".
Ana Miranda, con auriculares, escoitando unha intervención no Parlamento europeo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Miranda, con auriculares, escoitando unha intervención no Parlamento europeo (Foto: Nós Diario).

A deputada do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda pronunciouse na súa conta da rede social X (antiga Twitter), acerca da polémica xerada polo líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo na cuarta feira.

O ex presidente da Xunta asegurou sobre o uso das linguas oficiais nas Cortes españolas que “non concibía un Congreso con ‘pinganillos’”.

"Son galego e falo as dúas linguas, pero non concibo un Congreso con ‘pinganillos’. Se todos os políticos nos comunicamos na lingua común, non procede que os cidadáns paguen para entendernos no hemiciclo", proclamou Feixoo.

En resposta a isto, Miranda asegurou que “son galega, falo galego e outras cinco linguas. Uso 'pinganillo' no Parlamento Europeo para as outras 17 que non entendo. As e os intérpretes traballan para facilitar a comprensión entre pobos. A comunicación e o diálogo. O respecto polos demais.. O que lle falta ao señor Feixoo”.

Unha resposta que tivo un gran éxito na rede social xa que acumula centos de respostas.

"Podemos comunicarnos en castelán"

O candidato á investidura para a Presidencia do Goberno español, criticou que a cidadanía "pague" para que os políticos se entendan nas sesións da Cámara Baixa cando “poden comunicarse en castelán”.

"Puigdemont e Díaz non necesitaron tradutor", acrecentou o líder dos populares, xerando controversia nas redes sociais.

Comentarios