Feixoo, do "Galicia, Galicia, Galicia" a resucitar a falacia da "imposición" do galego, agora no Congreso

"O tema das linguas xa estaba introducido no Senado, onde hai mocións que se poden defender nas linguas españolas, no conxunto delas. Estaba ben orientado e, de súpeto, sen poder discutilo, parece ser que nolo van impor por lectura única, sen posibilidade de discutilo, no Congreso", cuestiona o líder do PP.
Mitin electoral de Alberto Núñez Feixoo na Coruña, en 2020. (Foto: PP)
photo_camera Mitin electoral de Alberto Núñez Feixoo na Coruña, en 2020. (Foto: PP)

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno, Alberto Nuñez Feixoo, criticou esta quinta feira que o PSOE e os seus potenciais socios de cara á investidura queiran "impor" o uso das linguas oficiais do Estado español no Congreso dos Deputados. Iso, argumentou, "non supón avanzar cara á igualdade e a unidade". Tamén se preguntou, ao fío desta cuestión, se se trasladará esa mesma liberdade lingüística "aos colexios de Catalunya".

O PP xa adiantou esta cuarta feira, por boca da súa secretaria xeral, Cuca Gamarra, que o grupo popular votará en contra da proposición de lei que rexistraron PSOE, Sumar, BNG, ERC, Bildu e PNV para poder empregar galego, catalán e euskera en todos os debates da Cámara Baixa e na presentación de iniciativas. "Non conten connosco para crear distancia e diferenzas entre iguais", engadiu.

Na mesma liña, e logo de criticar tamén onte un Congreso "con pinganillos", Feixoo censurou esta quinta feira que as forzas impulsoras desta iniciativa queiran "impor" por lectura única e sen posibilidade de debate o uso das linguas oficiais no Congreso e a utilización de "auriculares", incidiu, algo que non ve "moi razoábel" nin "útil", pois os deputados e deputadas pola Galiza, Catalunya e Euskal Herria, dixo, "poden usar o idioma" no que se entenden "todos".

"O tema das linguas xa estaba introducido no Senado, onde hai mocións que se poden defender nas linguas españolas, no conxunto delas. Estaba ben orientado e, de súpeto, sen poder discutilo, parece ser que nolo van impor por lectura única, sen posibilidade de discutilo, no Congreso", censurou.

Ao seu entender, ter que usar agora "o pinganillo" na Cámara baixa para entenderse "a través de tradutores" non é "avanzar cara á unidade nin avanzar cara á igualdade". Dito isto, preguntouse se agora se trasladará o que vai ocorrer no Congreso "aos colexios", por exemplo, de Catalunya. "Vaise poder utilizar o castelán e o catalán indistintamente nos colexios de Cataluña? Vai ser así?", interpelou.

Xa esta cuarta feira cargara con dureza contra esta proposta e asegurara: "Son galego e falo as dúas linguas, pero non concibo un Congreso con pinganillos. Se todos os políticos nos comunicamos na lingua común, non procede que os cidadáns paguen para entendernos no hemiciclo". Lonxe queda a campaña electoral previa ás eleccións á Xunta da Galiza de 2020, as últimas de Feixoo, nas que se erixira en defensor da cultura e a lingua do país co seu lema "Galicia, Galicia, Galicia".

Alberto Núñez Feixoo, aplaudido polos seus compañeiros de filas na sesión constitutiva das Cortes o pasado 17 de agosto. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Alberto Núñez Feixoo, aplaudido polos seus compañeiros de filas na sesión constitutiva das Cortes o pasado 17 de agosto. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

"Reorientar" a función do Senado

Por outra parte, Feixoo lembrou esta quinta feira que el propuxo na súa oferta de pactos de Estado un acordo territorial no que, ao seu xuízo, "a cuestión máis importante" pendente desde un punto de vista de comunidades autónomas "é a reorientación do Senado como Cámara Territorial", de forma que os presidentes autonómicos poidan ir ao Senado "a debater os asuntos que lle afectan", e que as leis que teñen unha repercusión directa nas comunidades "poidan debaterse e aprobarse no Senado".

Ao seu ver, trátase de "deixar ao Senado non como unha Cámara de segunda Lectura, senón como unha Cámara territorial". "Iso paréceme moi importante. Pero todo o que fagamos ten que estar de acordo coa igualdade e o benestar dos españois", precisou. Preguntado polo feito de que iso non satisfaga as aspiracións nacionalistas, Feixoo indicou que escoitou a esas formacións dicir, e el compárteo, que o Senado o teñen que "reorientarse" porque non poden dedicarse "a volver ler o que se aproba no Congreso".

Comentarios